Upload
others
View
7
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
Terra baixaÀngel Guimerà
Tradución de Marcos Abalde Covelo
Terra baixaÀngel Guimerà
Tradución de Marcos Abalde Covelo
“O Hamlet catalán”, así define Calixto Bieito Terra baixa. No mesmo sentido, o director de
La Fura dels Baus, Carlus Padrissa, califica a Àngel Guimerà como “o Shakespeare catalán”. Con
certeza, Terra baixa é a obra máis emblemática do teatro catalán e Àngel Guimerà, o patriarca da
Renaixença, candidato durante dezasete anos ao premio Nobel de literatura.
Esta peza, estreada en 1896, é a de maior proxección internacional da cultura do Principat.
Foi traducida a numerosas linguas (castelán, francés, alemán, inglés, italiano, portugués, esperanto,
ruso, sueco, checo...) e levada á ópera polo alemán Eugène d'Albert co título Tiefland (Praga, 1903)
e polo belga Fernidand Le Borne co de La catalane (París 1907). Mesmo chegaron a facerse varias
versións cinematográficas, salientan a da Paramount (1914), a de Mizoguchi (1924), a de Leni
Riefenstahl (1940-44) ou a da propia Fura dels Baus estreada na TV3 o 11 de setembro de 2011.
En Terra baixa, Guimerà abandona o teatro histórico en verso e decide escribir un drama
realista para exaltar a carraxe dos humildes contra o caciquismo. Os protagonistas simbolizan tres
espazos en conflito: Manelic, un pastor da terra alta; Sebastià, o amo da terra baixa; e Marta, unha
rapaza chegada dunha terra aínda máis baixa e forzada a manter relacións íntimas con Sebastià.
O grito final de Manelic “matei o lobo” atravesa a historia do teatro catalán e alicerza a
conciencia de dignidade de todo un pobo. Ademais, esta bravura foi moi ben recibida no noso país,
pois Manelic encarna esa mocidade insurrecta coa que soñara Curros xa en 1880:
Mociños honrados
de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos,
librádeos da morte,
¡facei montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!
Terra baixa inspira o teatro galeguista do momento fiel á lingua do pobo e, ao mesmo
tempo, comprometido coa utopía da redención social. É fácil comprendermos o entusiasmo de
Antón Vilar Ponte con esta obra. Entre os seus proxectos estivo traducila e a Escola Dramática
Galega de Sánchez Miño chegou a encenar esta versión no Teatro Xofre de Ferrol en 1913.
Na cultura catalá, a rebelión de Marta e Manelic atinxe a forza do mito. Poderíase comparar
este xesto co do Balbino de Neira Vilas que, despois de recibir unha malleira brutal, consegue
erguerse e cóspelle na cara a “ese lobo chamado señor”. Por iso, Terra baixa será a peza escollida
polo propio Piscator para montar na Barcelona de 1938. Hoxe, no regreso que padecemos a unha
sociedade neofeudal, o grito deste Manelic subsahariano, deste Hamlet labrego, deste Balbino
catalán continúa a mostrarnos o camiño certo para a liberdade.
Terra baixaÀNGEL GUIMERÀ
PERSONAXES
MARTAPEPANURI
ANTÒNIAMANELICSEBASTIÀ
TOMÀSMONSEÑOR
JOSEPCANDEAL
NANDOPERRUCA
LABREGOS E LABREGAS
A escena na terra baixa de Cataluña e nos nosos días.
Acto primeiro
ESCENA I
Casa-muíño de labrador. A cociña. Ao fondo, banda esquerda, unha porta sobre dous chanzos, que
estará cuberta por unha cortina. Ao fondo, banda dereita, unha porta grande que dá a un alpendre.
Polo lado dereito do alpendre vaise cara ao lugar das moas, para alén do alpendre hai casas,
árbores, etc. Á banda dereita da escena, unha porta. Á banda esquerda, en primeiro termo, a
lareira, e en segundo termo unha porta pequena. No medio da escena unha mesa de xantar. Por
todos os lados cadeiras, escanos, apeiros do muíño, sacos de trigo, etc. É á tardiña.
CANDEAL cribando trigo. Despois PEPA e ANTÒNIA.
CANDEAL
A min tanto me ten que este trigo quede limpo ou non. (Baleira a criba e volve enchela.) Ala, e que
lle amargue ao amo!
PEPA, entra cun cesto de feixóns para debullar.
Deus vos garde.
CANDEAL
Vaia! As de aquí ao lado!
ANTÒNIA, entrando.
Ola, Candeal!
CANDEAL, indiferente.
Ola.
PEPA
Vimos para acompañar a Marta. Parece mentira! O muíño ao pé da casa e se nós non chegamos a
vir... Non si, Candeal?
CANDEAL, continuando a cribar indiferente.
Si, si.
ANTÒNIA, gritando.
Marta! Marta!
PEPA, gritando.
Somos as Perdigones. Sae!
CANDEAL
A Marta non vai saír. Se vindes a murmurar, xa vos podedes ir. Aquí non hai nada que cheirar.
PEPA, sentando.
Que pensa este? Oes, eu estou a debullar os feixóns para a cea. Axúdame, Antònia.
ANTÒNIA, a Pepa.
Pregúntalle polo casamento.
PEPA, a Antònia.
Agarda.
ANTÒNIA
Vamos, muller!
PEPA
Logo... logo a Marta casa ou non casa?
CANDEAL, cantando e cribando. Búrlase.
“Na beira, na beira, na beira do mar/ hai unha lanchiña para ir a navegar...”
ANTÒNIA, a Pepa.
Insiste.
PEPA
Candeal, logo casa, non é?
CANDEAL
Pepa!...
PEPA
Que foi?
CANDEAL
E vós casades ou non casades?
PEPA
Mira co que sae este agora!
ANTÒNIA
Que lle vas facer?
CANDEAL
Como xa pasastes a flor da mocidade... Que a Antònia ha de andar polos corenta (A Pepa). E ti,
mociña, máis ou menos!
PEPA
Nós non agochamos os anos!
CANDEAL
Cantos, entón, cantos?
ANTÒNIA
Temos... os que nos dá a gana!
PEPA
Debulla, muller! (Facéndose a cariñosa.) Oes, Candeal, nós queriamos saber como vai iso da
Marta...
CANDEAL, sen deixala continuar.
Non sei que tendes todos os Perdigóns, que ninguén vos peta á porta.
PEPA
Se eu quixese casar!.. (Irritada.)
ANTÒNIA
E eu, ves! Eu que... (Dino as dúas xuntas.)
CANDEAL, non as deixa falar.
Voso irmán máis vello, o Josep, vai casar e, ala, aos catro días acaba viúvo. O Nando é solteiro e...
nada, que neste momento andades para merecer entre homes e mulleres os cinco irmáns. (Queren
interrompelo. El ri.) Cinco desemparellados e que están ao que salte... e non dan feito. E vaia, que
se non casa a Nuri cando sexa máis grandiña, vaise perder a raza dos Perdigóns. (Volve cribar rindo
desvergoñado.)
PEPA
Todo isto é por rabia, Antònia, porque non puido casar coa Marta.
CANDEAL, cantando e burlándose.
“Na beira, na beira, na beira do mar/ hai unha lanchiña para ir a navegar...”
PEPA
Desde que morreu o pai da Marta, tes o corpo cheo de veleno! Abofé pensaches: morreu o muiñeiro,
agora han de casarme coa muiñeira. E repara: diso xa hai un ano e estragáronche o casamento,
como a nós.
CANDEAL
Máis vale cantar. (Continúa a cantar.)
ANTÒNIA
Que cara tes!...
PEPA
Debulla! Non ves que lle enchemos o papo?
ESCENA II
PEPA, ANTÒNIA, CANDEAL e NURI, que vén calcetando unha zamarra.
NURI, desde a porta.
Xa metín os pavos dentro. Podo ir?
ANTÒNIA
Vén, muller!
NURI
Como sempre me rifades por andar coa Marta. Ela quéreme máis ca vós. Ai de min!
PEPA
En fin, fala de aquilo, de aquilo. (Candeal entra e sae do alpendre, traballando.)
NURI
Primeiro... Primeiro cólleme estes puntos. De andar ás présas, prendín a zamarra nunhas silvas
(Recólleos Antònia.)
PEPA
Ben, que é o que sabes?
NURI
De que?
PEPA
Para que che fixemos ir á ermida?
NURI
Oh, non estaba o Tomàs! A ermitá si, que me dixo unhas cousas! Vaia cousas me dixo a ermitá!
PEPA, a Antònia que ía falar.
Deixa a Nuri falar.
NURI
Pois díxome: “Mira, Nuri, todo isto que ves, todo, todo é do vinculeiro Sebastià. A casoupa en que
vós vivides -quere dicir a nosa, Pepa-, esta ermida, o muíño -este, este-, a máis grande onde vive o
vinculeiro Sebastià, todo isto que parece unha vila ciscada, todo, todo é do vinculeiro Sebastià”.
Ves, díxome unha chea de cousas!
PEPA
Iso xa o sabiamos.
ANTÒNIA
Xaora, muller!
NURI
Oh! Acougade, acougade, que aínda sei máis, aínda. Díxome que se camiñaba, camiñaba... desde
agora até a mañá á tarde, aínda todo, todo sería do vinculeiro Sebastià. Mirade, mirade, se apreso un
paxaro, que o deixe, que é o do vinculeiro Sebastià; se pasa un lagarto que non o apedre, que é do
vinculeiro Sebastià; se salta unha troita no río, que non a pesque, que é do vinculeiro Sebastià!
ANTÒNIA
Moi ben, si!
PEPA
E do de aquí, do de aquí, que che dixo?
NURI
Eu todo isto non o sabía. E ela, a ermitá, e o ermitán, que hai catro días que viñeron, xa o saben.
PEPA
E onde estaba o ermitán?
NURI
O ermitán? O ermitán fora buscar o pastor, un pastor que é de moi moi lonxe, para o casar esta tarde
coa Marta.
PEPA, erguéndose.
Xa o temía eu!
ANTÒNIA
Esta tarde?
CANDEAL, volvendo á criba. Aparte.
Ala, agora xa o saben!
ANTÒNIA
E a Tomàs quen lle mandou ir?
PEPA
O Sebastià. Non é, Nuri?
NURI, que quere calcetar a zamarra.
Ai, deixádeme tranquila!
ANTÒNIA
Fala, fala.
PEPA
Non che vai pasar nada!
NURI
Mandoulle ir o vinculeiro Sebastià. Como é o amo de ti e de min e do ermitán e da Marta, mira, el
amaña o casamento e mira, casan e... mira... é o amo. Acábame este punto, anda. (Non lle fan caso.)
ANTÒNIA, ao Candeal.
E este non quería que o soubésemos!
PEPA
Daquela habemos de ir, habemos de ir ao casamento, aínda que a todos lles amole.
CANDEAL
A min tanto me dá...!
NURI
Eu xa hai tempo que sabía que a Marta dicía que era do vinculeiro Sebastià, mais daquela non o
entendía, ves. (Ri con candidez.)
PEPA
Que di esta!
NURI
Eu, eu sentírallo un día, mais non volo dixen porque me daba vergoña. E eu non sei por que me
daba vergoña, mais dábame!
PEPA
Como é iso? Como?
NURI
Unha tarde, eu tiña os pavos á sombra dos castiñeiros, vexo vir polo camiño de abaixo o vinculeiro
Sebastià e a Marta, e eu que me agocho. E eles pasan pouquiño a pouco, pouquiño a pouco, como se
desen un paseo e sinto que ela di chorando: “Xa o sei, xa, sempre hei de ser túa”. E el, o amo, o amo
que lle responde: “Eu, aínda que ti cases, e aínda que eu case, sempre hei de ser teu”. Quería dicir
que el sempre sería da Marta. Non é estraño?
PEPA
Non cho dicía eu, Antònia?
ANTÒNIA
Iso dicían?
NURI
Dicían, e ela choraba e el serio.
CANDEAL, aparte.
Até os pícaros han de saber estas cousas! Non podo permitir que isto pase!
NURI
Pepa, explícamo. Que a Marta sexa do Sebastià, coma ti e coma min... enténdoo, mais que el sexa
da Marta...
PEPA
En fin, déixao estar.
CANDEAL
Polo menos calade agora, aí vén a Marta.
PEPA
Verás, axiña hei de saber se está contenta.
ESCENA III
MARTA, PEPA, ANTÒNIA, NURI, despois JOSEP e NANDO. As mulleres pensan que Marta vai
saír pola porta cuberta cunha cortina, porén ela vén do muíño. Avanza cara á metade da escena
coa cabeza baixa e, ao se decatar das mulleres, métese de présa pola porta da cortina.
ANTÒNIA
Vaites, vén do muíño e nós que pensabamos...
PEPA
A ver que di cando nos vexa.
ANTÒNIA
Eu penso que está a rezar. (Gritando por ela.) Marta!
NURI
Vaise!
PEPA
Marta! Marta! (Ela vaise de présa.)
ANTÒNIA
Somos nós.
(Xa está fóra. Candeal foise agora ao alpendre.)
PEPA, virada para a cortina.
Tanto se che presta como se non, habemos de ir ao casamento. Cara de pau!
NURI
Iso! Nós tamén temos que aprender a casar.
PEPA
Agora que o saiban o Josep e mais o Nando.
ANTÒNIA
Xa están aquí os irmáns!
(Josep e Nando chegan cos apeiros de labranza ao pescozo e entran ás présas e cansados.)
JOSEP
Xa o sabemos todo, todo. (Rápido.)
NANDO
Casa esta tardiña. (Idem.)
PEPA
Eu sóubeno antes.
JOSEP
A nós díxonolo o Perruca.
ANTÒNIA
A nós a Nuri...
(A Nuri entre tanto calceta.)
PEPA
Que llo dixo a ermitá. (Todo moi axitado.)
NANDO
Pois ao Perruca o propio ermitán.
PEPA, para que non griten.
Que ela está alá dentro, enfeitándose!
JOSEP
Daquela sabémolo todo, todo. Había días que o vinculeiro Sebastià lle procuraba un marido e non
llo daba atopado, porque quería un marido que fose ben besta e máis besta que todos os de por aquí
e non o daba atopado. Pois quería que non soubese nada de...
NURI
De que?
PEPA
Fala, fala.
JOSEP
Daquela o ermitán, que mal non vos pensa, díxolle ao amo que coñecía un rapaz que é pastor, e que
nunca se movera da beira dos carneiros alá polos camiños das Punxales e que era un anaco de pan.
Ao sentilo, o amo escachou a rir, pois xa coñecía o bendito daquel pastor. O rabaño que gardaba era
del! E díxolle ao Tomàs que a el ben lle valía se el estaba de acordo. E non sei como o van arranxar,
mais, ás agachadas, estes días a Marta viuno a el e el viu a Marta e todo está pronto para hoxe.
Imaxinádevos como é de fato o Manelic! Chámanlle Manelic, sabedes? Imaxinádevos como é de
fato que apenas viu catro persoas na súa vida e aínda homes, que de mulleres... seica nin as cheirou.
PEPA
Parece mentira, Antònia, que haxa rapazas que casen así?
NURI
Pobre Marta! Ai, ai! Eu quérolle moito a Marta! Mesmo un día, chorando, díxome que ela era igual
ca min cando era cativa.
PEPA
Coma ti? Moito tería que pagar! Vai falando, Josep, anda.
JOSEP
Onte o Tomàs saíu da ermida á procura do Manelic para casar máis nada chegaren. Que non o
queren aquí até o casamento para que non saiba nada. (Nuri quere retrucar mais non lle deixan.)
PEPA
E como o sabes?
JOSEP
O ermitán, ao ir onte cara ás Punxales, parou a beber na masía do Perruca e todo cheo vaillo contar
ao Perruca e o Perruca a min. Oh! E vaillo contando a todos os da contorna! E estes non o saben,
mais han de atopar todo o pobo no casamento.
PEPA
Ao ermitán tocoulle un papel ben ruín! Ah!
JOSEP
O Tomàs non o sabe, todo iso do Sebastià e da Marta... Non vedes que hai catro días que o pobre
vello ten a ermida?
ANTÒNIA
Daquela voullo contar todo e non vai haber casamento.
JOSEP
Demo de... Se abres o bico, o amo bótanos da casa e das leiras!
PEPA, para a Antònia.
Nós mudas.
NANDO
Nada, nada, axiña o han de saber.
JOSEP
O amo todo o fai ben, por iso é o amo! Escoitaches, burra?
PEPA
A quen chamas burra! Ti si que es burro, ti!
(Todos continúan a se insultar.)
NANDO
A Marta!
MARTA, irritada e chorosa
Fóra todo o mundo de aquí! Non quero ver a ninguén!
PEPA
Se xa o sabemos todo, muller.
MARTA
Dixen que vos vaiades.
JOSEP
Nós viñamos...
MARTA
Para a vosa casa! (Non se moven.) Que vos vaiades! Daquela...! (Agarra os apeiros e os cestos e
lanza todo ao alpendre.) Tomade! Todo! Todo! Fóra! Fóra!
(Vanse replicando.)
PEPA
Ai! Os feixóns! (Apañándoos da terra.)
NURI
E eu tamén, Marta!
(MARTA non reparou nela.)
PEPA
Axúdame, Antònia. (Polos feixóns.)
MARTA
Todos! Non quero a ninguén! Fóra!
NURI
Se son a Nuri! (Os outros van desaparecendo.)
MARTA, cariñosa.
Ti, Nuri! Ven, dáme un chucho! Toma e toma. (Beixándoa e chorando.) Déixame! Déixame!
NURI, saíndo.
Coitada! Non sei o que ten! Molloume a cara toda!
ESCENA IV
MARTA
Non sei por que teño que chorar desta maneira! Hai tantos anos que non choraba así! Se pensaba
que xa non sabía (Vaise enxugando coas pausas.) Eu tiña que lle dicir que non, e sempre que non,
ao Sebastià, que á forza non me ían casar! Agora vexo, agora, o desgraciada que son! (Pausa.) Se
non son ninguén, eu, ninguén, que me agarraron como unha besta, e como unha besta me criaron, e
agora... Miña naiciña! (Pausa.) Eu non quero, non, a este home! Eu non vou amar ao Manelic! Que
me deixen estar soa! (Pequeno balbordo fóra.) Ha de ser o Sebastià. Que non vexa que choro, aínda
me vai zoupar, o moi ruín. Se me zoupa até matarme, si que ía chorar, si, si que ía chorar. Mais o
Sebastià tamén debe sofrer cansándome a min agora, porque se non me tivese cariño, abofé que me
botaba! E non o fai, que me quere aquí, aquí sempre, sempre! (Pausa.) Que debo estar a adoecer! A
adoecer de aquí dentro! (Pola súa cabeza.) Porque se non estivese a adoecer, ía ter máis xenio e hai
tempo que tería fuxido desta casa ou que me tería botado á canle do encoro! (Furiosa contra ela
mesma.) E hoxe non me vou tirar e mesmo vou casar con este home (Balbordo fóra.) Que hai aí
fóra! Ha de ser o pastor! Si, si, ha de ser o Manelic! Eu non quero velo! Eu non quero velo! (Foxe
para dentro.)
ESCENA V
NURI, TOMÀS, CANDEAL, PEPA e ANTÒNIA.
NURI, correndo.
O ermitán! O ermitán!
TOMÀS
Ai de min! Como me triscan os ósos, Candeal!
PEPA
E logo? Non baixou ese pastor?
(Tomàs sentou.)
NURI
Chámase Manelic. Que nome máis chusco! É ben lindo, non si?
ANTÒNIA
E por que non baixa?
CANDEAL
Non amoledes o Tomàs.
TOMÀS
Veredes. O Manelic arestora xa bole para aquí, o rapaz tivo que lle ensinar ao home que quedaba co
rabaño. Mais dicídelle á Marta que non vai demorar, non, que xa pode facer tocar os sinos!
PEPA
Vaiamos, a ver que fai.
ANTÒNIA
Eu diante, eu.
NURI
Voullo dicir, eu.
CANDEAL, gritando.
Aquí todas! Decontado!
TOMÀS
Cando penso que vou facer este casamento, dáme unha alegría...
CANDEAL
E, así a todo, Tomàs, este pastor vai casar coa Marta?
TOMÀS
Preguntas se vai casar? Se relouca de contento! Coitado! Isto para el é como nacer de novo.
PEPA
Pois eu sentín dicir que é un pousafoles.
ANTÒNIA
Si, si, un pailaroco.
CANDEAL, aparte.
Voullo contar todo ao Tomàs.
TOMÀS
Pailaroco!... Quen di que o Manelic é un pailaroco? É un anxo de Deus. Todo bondade e cun
corazón! Eu coñézoo desde picariño cando comezou a botarlle unha man ao pastor. Iso si, tamén
ten o seu xenio, tamén, que un día por pouco non mata un home.
ANTÒNIA
E como é? Como?
NURI
Eu penso que debe ser ben feitiño!
PEPA
Cala, muller, cala.
TOMÀS, moi alegre.
Pois mirade, eu cheguei alá e aínda non raiara o día e folgaba dentro do chozo rodeado de ovellas e
cantando. Os cans ao me sentiren, que ladridos! Penso que o Manelic me tomou por unha cousa
mala, pois ía coller a escopeta. Imaxinade cando me viu! Púxose a saltar como... como un tolo,
porque está namorado! (Pepa e Antònia búrlanse.)
NURI
Pepa, sáltase por estar namorado? E como se fai para o estar?
TOMÀS, rindo.
Esta fíxome rir! Como se fai, lingoreteira? Iso non se aprende nin na igrexa nin na escola, nin...
nin... Estás e abonda. Se me dixo que pasa o día a parolar coa Marta. (As mulleres non o entenden)
Si, si, para se afacer. E logo? Se ten unha cabriña que lle grita todo o día: “Marta, aquí! Marta, alá!”
(Todos botan a rir.) E agora saiamos fóra que o Manelic está para chegar.
(Érguese para ir fóra.)
NURI
Vamos!
PEPA, ao Tomàs.
Axúdolle.
TOMÀS
Agora xa podo. (Van para a porta.)
CANDEAL
Agarde, Tomàs.
ANTÒNIA
Vamos, Vamos. (Sae.)
NURI, empurrando a Pepa.
Sae! De présa!
TOMÀS, a Candeal.
Que foi?
CANDEAL
Escoite. Non estivo nunca por estas terras?
TOMÀS
Non, fillo.
CANDEAL
Nin na casa do amo nin aquí?
TOMÀS
Verás, eu traballaba as terras dun tío do Sebastià da alá preto de Figueres. E abofé xa non daba feito.
E o Sebastià deume a ermida para min e para a miña muller. Ti ben sabes que hai catro días que alá
estamos!
CANDEAL
É dicir que vos non sabedes nada de...
TOMÀS
De que? Fala sen cancelas, home.
CANDEAL
Daquela, claro, verá. Que se o Manelic é un pailán, como din, non debe casar coa Marta e se non o
é, menos.
TOMÀS
Talvez queiras casar ti! Mira, que xa vos coñezo!
CANDEAL
Eu? Nin que me desen a Marta cuberta de ouro. E mire, procuro amo para me ir embora, que xa
aturei abondo. Mais esta falcatruada que agora van facer non a aturo.
TOMÀS
Fala, fala, que non me gusta ter malos pensamentos.
CANDEAL
Non sei se sabe como vai comezar este enredo. Verá, vaiamos ao miolo. A Marta, cando era unha
rapariga, pedía esmola polo mundo con seu pai... ou cun que lle facía de pai, que iso nunca o vin
claro. E o Sebastià... entende? El fíxolles ficar aos dous nestas terras e ao vello deulle este muíño.
TOMÀS
Iso xa o sabía. E fixo ben o Sebastià.
CANDEAL
Daquela foi cando...
TOMÀS
Fala.
CANDEAL
Se parece que non quere entender! Daquela fíxoo, vaia, porque a Marta e o Sebastià...
TOMÀS
Iso non é verdade!
CANDEAL
Agarde. E sabe agora para que a casa?
TOMÀS
Dígoche que es un mentirán! Oíches?
CANDEAL
Déixeme falar! Pois cásaa para que a xente non murmure. Porque o Sebastià ten empeñados as
facendas e os rabaños e a xustiza vaise botar sobre el. E el, para o salvar todo, vai casar cunha
vinculeira. E a vinculeira non o facía mentres non crese todo o mundo que o da Marta rematou.
TOMÀS
Vólvoche dicir que iso é mentira!
CANDEAL
Se o da Marta aquí sábeo todo o mundo!
TOMÀS
Mala lingua! Lisca de aquí, se non...! (Ameazándoo.)
CANDEAL
Daquela diga que o consente!
TOMÀS
Que o consinto?
CANDEAL
Foi o que dixen, si!
TOMÀS
Canalla! Víbora!
CANDEAL
Foi o que dixen, si! (Van agarrarse cando se senten gritos fóra.)
ESCENA VI
MANELIC, CANDEAL, TOMÀS, NURI, PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO e PERRUCA, homes e
mulleres. Gritos e balbordo de xente. Irá escurecendo.
JOSEP, desde o alpendre.
Xa está aquí o Manelic!
GRITOS, fóra.
O noivo! O noivo! O Manelic!
PEPA, entrando.
Que non saia a Marta!
NANDO, entrando con dous ou tres dos outros.
O noivo! O noivo!
MANELIC, entrando.
Abofé que estou aquí! Vin correndo como unha lebre! (Cunha alegría moi expresiva.)
NURI, entrando con Antònia e Perruca e outros.
Deixádemo ver! Eu quero velo!
TOMÀS, rindo, a Manelic.
Aínda corre o animaliño!
MANELIC, ao Tomàs.
E non por vostede, non, por ela que corría! Onde está, onde a miña pastora?
PEPA
Marta! Marta!
TOMÀS
Logo sae.
MANELIC, polos que lle rodean.
Canta xente hai no mundo, mi madriña! Seica seguimos a Núria! (Todos rin. El corre a mirar pola
porta da cortina e volta ao medio.) Todos vós ben contentos que andades! Eu tamén! Sacádea! Se
non, vexo para a montaña e póñome triste e choro, que deixei os cans e os castróns que me queren
como irmáns, faime mal dicilo! (Medio chorando.) Ai, Tomàs, sen min, o lobo!
(Choromica alto. Todos rin e el, ao se decatar, enxuga os ollos e ri bondadoso. De súpeto, vai
axexar pola porta da esquerda por se está Marta.)
Nuri, rindo forte cando xa os outros non rin.
Ai, que graza me fai o fedello!
TOMÀS
Acouga, home.
MANELIC
Logo non baixa por aquí o lobo, rapaces?
CANDEAL
Aínda che vén! Axiña o has de ver, se Deus non te axuda!
(A xente ri de maneira maliciosa e dinse uns aos outros que disimulen.)
MANLEIC
Parece que hoxe casamos todos aquí. Que risas!
TOMÀS
Que tanto barullo! Liscade para fóra, para fóra. Aínda vai demorar o casamento. (Candeal tamén
quere saír.)
MANELIC
Non lisquedes, non, até que a Marta saia. É ben guapa a Marta, rapaces? Non é? Non é? Non é?
(Vai dun grupo ao outro preguntándoo, meténdose polo medio atrapalladamente.)
PEPA
Moito! E fresca e... aquelada...
JOSEP
Xaora! (Todos van dicindo que si.)
MANELIC
Pois mentres ela se peitea alá dentro e lava a cara... por min que a lave, a cara... vouvos contar a
todos, vaia, como se amañou isto de nos emparellaren. (Senta á mesa.)
JOSEP
Conta, conta. (Outros dino con el.)
PEPA, e outras.
Fala, fala.
NURI, póndose de pé á súa beira.
Eu aquí. Eu aquí.
(Candeal ficará moito tempo dentro do alpendre sen que o vexan. Tomàs estará sentado lonxe,
triste.)
MANELIC
Pois eu cada noite, cando as ovellas adormecían e os cans protexían o curro, eu metíame no chozo
e, antes de me deitar no xergón, rezaba dous painosos. Un dicíao polas almiñas de meu pai e de
miña nai que tanto se querían e que xa deixaron este mundo; e o outro painoso rezáballo cada noite,
sabedes a quen? Ao Noso Señor para que me trouxese unha... unha boa muller (Rin todos. Manelic
anóxase.) Non riades disto, que isto non é cousa de risa (Anoxándose máis porque continúan a rir.)
Ao que ría de novo, estámpolle unha labazada.
(Todos deixan de rir.)
TOMÀS, aparte.
Non podo crelo, Virxe santísima!
NURI
Fala, fala, que o conto é ben bonito!
MANELIC, Volvéndose alegrar.
Si que o é, si! (Rindo.) Pois unha noite eu estaba a dicir o painoso polos defuntiños da casa. E
comezo o outro. E á metade...tururú, adormecín. E aquela noite soñei que os rabaños fuxían dereitos
para os pozos de Carançà; e eu, perseguíndoos, guíndolles un croio e, carai, o croio vai para dentro
do pozo máis grande! E a auga que comeza a ferver, a ferver e a botar unha especie de fume
negro.... E, do medio daquel fume, saen unhas... unhas cousas estrañas, cuns ollos e uns brazos e... e
unha especie de saias que nunca acaban, que non sei se eran bruxas ou non o eran. Mais unha
daquelas... visións pois tornouse tan linda!... que parecía a Virxe de Rocalaigua (Pausa, enxuga a
suor, rindo.) E ela que me fai axeonllarme. E como me pareceu que quería que lle dixese o painoso
aquel da muller, que llo debía, díxenllo. E ao acabalo adormezo outra vez. E non vou saber se era
unha bruxa ou a Virxe. Só sei que me dixo, todo durmidiño eu, que axiña ía casar. (Todo o mundo
coméntao.) Calade, calade, que aínda non acabei. E, ao día seguinte de todo aquilo, vexo saír de
entre a néboa tres persoas reais montadas en tres mulas. Unha daquelas persoas era o Tomàs,
vostede, vostede, madía leva, vaimas pagar todas! Concho! (Rindo de broma.)
TOMÀS
Eu, si e non me arrepinto.
(A propósito, pica a terra co caxato.)
MANELIC
O outro era o amo, o señor Sebastià, e a outra persoa xa podedes adiviñar que era a Marta. Conte
con que ansia esfolei un año e espeteino ao lume e a rir!... E cando acabamos de comelo, o amo
dime: “Manelic, gústache ser pastor?” “Bastante”, respóndolle. E el dime: “Non che gustaría ser
muiñeiro?” “Se hai trigo para moer”, respóndolle. E el que retruca: “E non che gustaría casar?”
“Moito e moitísimo -e tamén lle solto- se hai muller que me queira, e... fose guapa!” E eu daquela
roía doente a carne do año! E vírome e a Marta de aquí para acolá con vostede.
TOMÀS
Para falardes ti mais o amo.
MANELIC
Como de feito falamos. O señor Sebastià díxome moi serio e tan baixiño que case nin o sentía que...
“Mira, teño un muíño ao pé dunha casa e como lle morreu o pai a esta moza, falta un home no
muíño para a protexer e que sexa un anaco de pan coma ti... se queres eu encárgome de todo e,
cando cho mande, baixas e casas con ela”. E como a Marta non estaba moi lonxe, ollou para min e
pareceume que me gustaba... Vaia, que me gustaba moito, moito! E o amo achegóuselle e eu atrás
del. E o amo pregúntalle se me quería. E ela fai unha miguiña que si coa cabeza. E eu, que estaba a
rir, ao vela chorar, tamén eu tentei choromicar e non puiden, e vaia que non vou poder e... desato a
rir tan forte que mesmo as montañas respondían! E ficamos prometidos. (Pausa.) Ah! E aquela
noitiña xa só recei un nosopai para os da casa, pois pedir muller, non, pois xa a tiña. (Ri e chora
entenrecido.)
NURI
Chora! Chora! (Estrañándose.)
TOMÀS
Home, por iso non chores.
MANELIC
Choro de alegría. Que vos parece, compañeiros? Que era a Virxe ou unha bruxa o daquela noite?
NURI
A Virxe! A Virxe!
(A xente responde dicindo que era unha bruxa e rindo.)
CANDEAL
Unha bruxa! Unha bruxa!
TOMÀS, indignado.
Aínda pensas que o Sebastià...
CANDEAL
O Sebastià? Pregúntello a el que aí lle chega.
ESCENA VII
SEBASTIÀ, MONSEÑOR, NURI, PEPA, ANTÒNIA, TOMÀS, CANDEAL, JOSEP, NANDO,
PERRUCA, homes e mulleres, MARTA cando se indique.
NURI, para que cale todo o mundo.
O amo de todo! O amo de todo!
SEBASTIÀ
Non chegou o Manelic?
MANELIC
Estou aquí, señor! Déixeme beixarlle a man!
SEBASTIÀ
Non, home, non, aparta de aí. Onde está a Marta, Tomàs?
(Candeal volve estar fóra.)
TOMÀS
Oh!... Está alá dentro.
SEBASTIÀ
Monseñor, vai alí e que saia.
(Monseñor sae e chama pola Marta.)
MANELIC, a Tomàs por Monseñor.
Quen é ese home?
TOMÀS
É o criado do amo. Antes quería ser cura.
SEBASTIÀ
Manelic, temos todo amañado. Heivos casar agora, aquí na ermida. Como é miña, todo está pronto.
O crego logo chega. A benzón e para a casa.
MANELIC
Eu non llo darei pagado nunca, señor, nunca!
MONSEÑOR, a Sebastià.
Di que sae decontado.
SEBASTIÀ
Como decontado? (Gritando por ela.) Marta! Que saias, muller! (Con máis forza.) Marta!
TOMÀS
Quería falar con vostede, Sebastià, a soas.
SEBASTIÀ
Habemos de encontrar outro momento, home. Grazas a Deus! Marta!
MARTA, pousa un candil aceso sobre a mesa.
Non tendes paciencia ningunha. (Chorosa.)
SEBASTIÀ
Xa tes aquí o Manelic, muller.
MARTA
Xa che dixen que cando chegase a hora ía estar preparada. (Nerviosa.) Que horas son xa? Vaiamos!
MANELIC
Logo non falamos nada ti e mais eu?
MARTA, afastándose. Aparte.
Eu non podo ollar para este home que aínda me dá máis noxo que o proprio Sebastià.
MANELIC, para o Tomàs rindo.
Dálle vergoña!
PEPA, para Antònia.
Casa á forza!
SEBASTIÀ, rabioso e disimulando.
Marta! Que quere que lle deas leria! Eu ordénocho!
MARTA, chorando.
Meu Deus!
PEPA, para Antònia.
Chora, Marta, chora!
MARTA, que sentiu a Pepa.
Que é o que ten a Marta? Que?
PEPA, rindo irónica.
Dicía que é guapo o teu... prometido.
MARTA, rindo rabiosa e indo onda Manelic.
Manelic, olla para min, estou alegre! Olla para min!
MANELIC, rindo.
E eu tamén! Isto é para rir!
SEBASTIÀ
Fálalle máis, Marta, fálalle!
MARTA
Non! (Volvéndose ir.) Eu volvo deseguida.
SEBASTIÀ, agarrándoa polo brazo.
Demo de!... Que che dixen!
MONSEÑOR, a Sebastià.
Que fai! (Rindo.) Entón o traxe? Non o vai vestir o noivo?
SEBASTIÀ, dominándose.
Tes razón, nin pensabamos vestir este bo mozo, este... este señoritingo. (Todos rin burlándose.)
NANDO
Señoritingo!
JOSEP
Chamáronlle señoritingo!
(Entre tanto Tomàs fala con moito interese con Monseñor. Marta cos cotobelos na mesa agochando
a cara entre as mans. Manelic ficou teso sen entender aquelas palabras.)
MANELIC
Bo mozo... Se quere dicir tirar recto coa funda e choutar como as cabras pena arriba e pena abaixo e
levar a Marta ao lombo cruzando os pasadoiros de Riublanc cando as neves se funden, abofé, si que
lle son bo mozo. Mais... (Detense a escoitar.)
PERRUCA, a Nando, escachando coa risa.
Chamáronlle señoritingo!
NANDO, a Perruca, idem.
Señoritingo!
MANELIC
Mais iso de señoritingo... (Todos rin forte. Despois de ver que aínda rin, ponse furioso.) Quero
saber que significa señoritingo! (Gargalladas máis fortes. Agarra con rabia a Nando. As mulleres
berran.) Fala! (Marta falaba con Sebastià e escoita.)
NANDO
Quere dicir... non sei! Quere dicir... presuntuoso.
MANELIC, deixándoo convencido.
Logo, iso si. (Repensándoo e moi irritado outra vez.) E que quere dicir presuntuoso? (Outra
gargallada xeral.) Presuntuoso, que quere dicir? (Agarra unha das persoas.) Ti, fala! (Faille berrar
as mulleres. Corre atrás delas.) Que quere dicir presuntuoso!
(Bate nos que pilla, furioso.)
MARTA, aparte.
E déixanse zoupar por este desvergoñado!
SEBASTIÀ
Manelic! (Dominando a algazara imperativo.)
MANELIC, calmándose en seco.
Contra! Agora anoxábame eu!
SEBASTIÀ
Naquel cuarto tes un traxe novo para o casamento, vaino vestir deseguida.
MANELIC
Daquela vinde todos e axudádeme. E imos rir a esgalla, que hoxe non me quero anoxar! (Os homes
vanse pola porta da dereita con Manelic.)
PEPA
Vinde! Habemos de axexar pola fiestra!
ELAS
Vamos alá! Vamos! (Saen polo fondo.)
MANELIC, ao se ir.
Que non me quero anoxar! Que non me quero anoxar!
(Entre o balbordo dos homes.)
TOMÀS
Agora podo falar con vostede, Sebastià, é urxente.
SEBASTIÀ, irritado.
Home!... Pois espéreme fóra que logo saio.
TOMÀS
Entón espero por vostede. (Sae.)
SEBASTIÀ
Vai alí, Monseñor, e entretenmo, que este non sei con que me vai saír agora. (O que se vai dicir
neste momento, Marta non o sente.)
MONSEÑOR
Déixemo a min.
SEBASTIÀ
Ah! Dille ao crego que ao chegaren á ermida que os case e que non me agarden.
MONSEÑOR
Agora despache ao Candeal, que llo contou todo ao Tomàs.
SEBASTIÀ
Ah, si? Daquela para fóra inmediatamente! E... mira, vén. (Afastándose máis de Marta.) Nunca lle
digas a Marta que o Manelic non sabe nada...
MONSEÑOR
De verdade fíxolle crer que casa sabéndoo todo?
SEBASTIÀ
Como cho digo que o creu.
MONSEÑOR
De acordo. (Sae de présa polo alpendre.)
ESCENA VIII
MARTA e SEBASTIÀ. Ela estivo cos cotobelos na mesa e as mans na cara até agora.
SEBASTIÀ
Marta.
MARTA
Sebastià, xa podes dicir o que queiras, eu non penso casar con ese home!
SEBASTIÀ, rindo.
Si, eh? Ti tiñas que ter un marido... ademais con casa. Non é así, parviña?
MARTA, afastándose.
Non... Oh, non!
SEBASTIÀ
Un marido que te namorase cada día e que ti... mírate, ano novo vida nova. A miña ra éche moi
resabida! Xa non te lembras quen te sacou do medio da treboada cando te afogabas con teu pai, non
si, Marta? (El quixo acariñala, mais ela foise afastando. Sebastià muda de súpeto e anóxase.)
Marta!... Aquí, aquí, Marta, inmediatamente! (Agarrouna con rabia polo brazo. Cando a ten
aterrorizada, ceiba unha gargallada que aínda lle dá máis medo.)
MARTA
Sebastià, non me cases con ese home. Pídocho... polos defuntos de....
SEBASTIÀ
Deixa os mortos tranquilos, muller! E... daquela dáche noxo o Manelic?
MARTA
Dáme! Moito!... Como queres que cho diga?!
SEBASTIÀ
Si, eh? Pois iso é o que eu quero. E nin imaxinas a alegría que me dás! Ti pensas que se che gustase,
faríache casar con ese home? Aínda que me custase a facenda e a vida non casabas!
MARTA
Virxe santísima! Parece mentira que atopases un home tan humilde que, sendo eu como son, e el
sabéndoo, aínda me queira! Que pouca vergoña!
SEBASTIÀ, satisfeito da antipatía dela por Manelic.
Pts! Claro que se atopan!
MARTA, chorando.
Eu era unha cría cando te coñecín. E non fixen o que fixen por interese, ben o sabes! A min ti non
me mercaches, mais a el mércalo. A que prezo non o sei, mais sei que o mercas.
SEBASTIÀ
Se nada lle dou, muller! El xa está contento por eu lle deixar vivir aquí ao acubillo toda a vida. Mais
non deas por entendido nada con el, que o rapaz vai facer como se non soubese nada de todo isto,
entendes?
(Gargalladas dos homes que están dentro con Manelic.)
MARTA, fuxindo do lado onde riron.
Eu voume ir de aquí antes de casar.
SEBASTIÀ, rindo.
Si, muller, si!
MARTA
Non, non me vou ir, voume tirar polo encoro, que eu quero morrer antes ca este home!...
SEBASTIÀ, enérxico e rabioso.
Non te vas ir, nin te vas tirar polo encoro! Óesme, Marta! Óesme? (Colléndoa polo brazo.)
MARTA
Dásme medo, Sebastià! Déixame!
SEBASTIÀ
Falemos claro, Marta. Non che dixen sempre que te amaba a ti máis que a todo o ouro do mundo e
que te amaría sempre, sempre! (Gargalladas dentro que a ela lle repugnan.) E que non te deixaría
nunca, porque, aínda que quixese, non podería deixarte? Respóndeme!
MARTA
Non o sei! Si, si!
SEBASTIÀ
Escoita, escoita. Non sabes ti de certo, ben de certo, que se non entran cartos na casa, teño todos os
bens perdidos? Non che dixen cen veces que non me dan a Sala, a vinculeira, se non pensan que ti e
mais eu xa non somos nada, Marta? Non sabes que o tío de cas Riutort me desherdou pola túa culpa
e que, se ti agora casas, todo se vai arranxar e vou poder quitar as hipotecas e os embargos que hai
sobre as casas e as leiras? (Ela coa cabeza baixa.) E, mira, se eu non te quixese tanto, se non me
tiveses tan... teu, Marta, diríache: lisca, non voltes nunca, casa lonxe de aquí e engana outro que te
ame. Mais eu non quero, non, ti es miña, toda miña! E sempre, sempre has de ser miña, que eu non
te deixo, Marta, que nin que morra te deixo!
MARTA
Máncasme! Aparta! (Fuxindo para o lado de Manelic.) Mancáchesme e... asústasme!
SEBASTIÀ
Medo!... (Erguéndose.) Non quero que digas que che dou medo! Eu o que quero é que me obedezas
como sempre, oíches? Como sempre e que me ames!
MARTA
Sebastià!
SEBASTIÀ
Mira que non me coñeces, aínda que penses que me coñeces!
MARTA
Déixame, déixame. Vou casar, si, vou casar.
SEBASTIÀ
Claro que vas casar!
(Gargalladas do cuarto da dereita.)
MARTA
Veñen, Sebastià, veñen.
(Fuxindo da porta da dereita.)
SEBASTIÀ, rindo satisfeito.
Foxes del e voltas! Iso é o que me gusta.
ESCENA IX
MARTA, SEBASTIÀ, MANELIC, JOSEP, NANDO, PERRUCA e outros homes. Despois PEPA,
ANTÒNIA, NURI e outras mulleres. Por último, TOMÀS e MONSEÑOR.
NANDO, saíndo primeiro.
Que non quere vestir o traxe novo!
JOSEP
Que non quere vestirse de señoritingo!
MANELIC, pasando pola metade.
Non me quero mudar, non, que se rin de min! Dáme pena deixar a miña zamarra! Nin as ovellas se
botan tanto sobre min cando sarabia! Arredádevos!
SEBASTIÀ
Entón de calquera maneira! Marta, o mantelo e sae!
MARTA, a Sebastià.
Vou! Xa vou. Entre nós todo acabou!
SEBASTIÀ, rabioso. Aparte.
Acabouse!... Si, si, esta noite volvo!
NANDO, aos homes.
Eu unha vez casados toco o sino da ermida!
NURI
Toma, Marta, o mantelo. (Entra Tomàs.)
MARTA, con tristeza.
Ti tiñas que mo traer, Nuri!
NURI, cariñosa con Marta.
Quéresme agora?
MARTA, con tristeza.
Míraa, Sebastià, a Nuri. Cando eu cheguei, era coma ela.
SEBASTIÀ
Para a ermida todo o mundo! (Van saíndo.)
TOMÀS, a Sebastià.
Non. Até termos falado que non casen.
SEBASTIÀ, a Tomàs.
Déixaos ir, que non van casar até que eu chegue. (A Monseñor.) Monseñor, axiña, que acaben axiña!
MANELIC, saíndo entre a xente.
Upa! Upa! O rabaño! O rabaño! Eu á beira da Marta! Fóra! Fóra!
(Todos van saíndo en confusión gritando: Para a ermida! Vamos para a ermida!)
ESCENA X
SEBASTIÀ, TOMÀS e CANDEAL.
SEBASTIÀ
Ei, Candeal, para o casamento.
CANDEAL
Eu non vou ao casamento.
SEBASTIÀ
E logo?
CANDEAL
Porque non... Non vou. Dito está!
SEBASTIÀ
Pois recolle as túas cousas e fóra da casa.
CANDEAL
Iso si, non ve? E con moita alegría.
SEBASTIÀ
Inmediatamente! Bule!
CANDEAL, aparte.
Facer a trouxa, por min xa estaba ben lonxe.
(Meténdose pola porta da esquerda.)
SEBASTIÀ, anoxado a Tomàs.
Logo que foi?
TOMÀS
Pois que me empuxaron a unha gran confusión e angustia. Eu quería dicirllo e non sei como o facer,
Sebastià.
SEBASTIÀ
Daquela rumíeo e cóntemo outro día.
TOMÀS
Dixéronme, e descúlpeme se peco, que vostede anda a facerlle as beiras á Marta... así, como o hei
de dicir, como... con mala fe, e que agora ambos os dous enganan o pobre Manelic que é un bo
rapaz. E como eu neste casamento veño a ser como o pai e o padriño, véñolle a preguntar, Sebastià,
e non se ofenda, fillo, que hai de verdade en todo este ruxe-ruxe?
SEBASTIÀ
Que vai haber? Nada, home.
TOMÀS
Non hai nada, Sebastià? Eu xa lles vexo na cara que son uns murmuradores. Mire, diante de todos
voulles dicir quen son eles e quen é vostede. Os moi ruíns! E agora mesmiño voume.
(Voltou Candeal cunha trouxa de roupa e un cobertor. Recolle algunha outra cousa da escena.)
TOMÀS, a Candeal.
Oíches, mala lingua?
CANDEAL
Eu xa teño a conciencia tranquila. Agora vostede.
SEBASTIÀ
Se non podía ser outro ca ti! Acaba de facer a trouxa e nunca máis te quero ver diante de min.
TOMÀS a Candeal.
Desagradecido! Despois de tantos anos...
CANDEAL
Non me chame desagradecido, Tomàs, que non sabe con quen está a tratar.
SEBASTIÀ
Ah, fóra de aquí! Se non, víroche a cara dun golpe!
CANDEAL, póndose diante.
Zóupeme! Ah!
TOMÀS
E ousarías? Contra o teu amo?
CANDEAL
Xa non é o meu amo, nin nunca o foi.
SEBASTIÀ
E por que? Ladrón!
CANDEAL
Ladrón eu! O demo me leve!... (Deixando a trouxa e o cobertor.) Teña, logo! E agora non me vou ir
sen llo dicir ao Tomàs, e diante de vostede, para se amolar! (Tomàs quere facelo calar e contén a
Sebastià.) Daquela si que o vou dicir, si, vostede aínda é o amante da Marta, esta noite entrou aquí
ás agachadas pola porta do curral, pasou polo corredor de arriba e por detrás da cortina, eu vino, eu!
SEBASTIÀ
Déixeme! (A Tomàs.)
CANDEAL, a Tomàs.
Eu xúrolle que isto é certo e se non que Deus me castigue. Que o xure el se digo mentira. Vamos,
vamos, que o xure!
SEBASTIÀ
Que tantos xuramentos! Vámonos, Tomàs, e deixémolo.
CANDEAL
Xa o oíu. A min xa me abonda.
TOMÀS
Virxe santísima!
ESCENA XI
SEBASTIÀ, CANDEAL, TOMÀS e MONSEÑOR.
MONSEÑOR
Que fai o ermitán? A súa muller tivo que acender os cirios!
TOMÀS
Non, non, que paren! (Vai cara á porta.)
SEBASTIÀ, a Monseñor.
Que o Tomàs non saia de aquí de maneira ningunha!
MONSEÑOR, a Sebastià.
Están a casar!
(Sae Sebastià. Candeal leva a trouxa ás costas e ri sarcástico.)
TOMÀS
Non, non, que non casen!
MONSEÑOR
Que di? Onde quere ir agora?
TOMÀS
A impedilo! A impedilo!
CANDEAL
Tomàs, de présa! Grite polo camiño, de présa!
MONSEÑOR, a Candeal.
Deixa estar o vello!
TOMÀS
Non, non, eu voume, que van desgraciar un pobre rapaz!
MONSEÑOR
Dígolle que non!
CANDEAL, apartando a Monseñor.
Aparta. Vamos!
TOMÀS
Ah, si! Corro! (Tocan o sino da ermida e Monseñor vaise rindo até a porta.) Ah! O sino! Xa non
hai tempo! Ai, meu Deus! O que lle fixeron a este pobre rapaz! E eu entre eles! Que Deus mo
perdoe!
CANDEAL, volvendo coller a trouxa. Aparte.
Fixen todo o que puiden. E agora lavo as mans (Alto.) Tomàs, xa non hai remedio!
TOMÀS, a Candeal.
Agora, fillo, non lle digamos nada ao Manelic. Isto xa está. Agora que sexa o que Deus quixer.
CANDEAL
Adeus, Tomàs. Só me arrepinto de ter calado tanto tempo.
TOMÀS
Adeus! Así a todo es un bo home! Abrázame. E mira, iso de o teres calado... confésate.
(Abrazados. Balbordo lixeiro que medra.)
CANDEAL
Adeus, logo veñen. (Sae rápido.)
TOMÀS, aparte.
Que vergoña, meu Deus, que vergoña! Eu non o quero ver! Eu non o quero ver! (Sae.)
(O balbordo da xente que volta do casamento ten que ir medrando. Séntese tocar alegremente os
sinos e gritos de “Vivan os noivos”.)
MONSEÑOR, aos de fóra.
Vamos, rapaces, acabou a festa! Todos para a casa!
(Os convidados, sen entraren á escena, desaparecen e aos poucos vanse perdendo os gritos de
alegría.)
ESCENA XII
MARTA, MANELIC e MONSEÑOR, que se vai.
MANELIC, desde fóra.
Cabras aquí! Cabras alá!
(Marta entra a escena.)
MONSEÑOR, desde a porta.
Agora pechade vós e boa noite.
MANELIC, véndoos afastárense.
Cabras aquí! Cabras alá! (Ollando para Marta.) Se agora tivese a funda!... Un croio pola metade, e
cataplún! A debandada! (Polos de fóra.) Cabras aquí (Gritando cada vez máis forte.) Cabras alá!
(De repente.) Marta!
(Marta sentou ao pé da mesa coa cabeza baixa.)
MARTA, como acordando asustada.
Que foi? Que?
MANELIC
Dixeron que pechásemos. Pecho, eh, Marta?
MARTA
Pecha. (Aparte.) Si, si, todo acabou. Todo, todo!
MANELIC, despois de pechar.
Tururú! Pronto! Ai, déixame sentar, estou derreado! Vale máis unha tronada alá na montaña, nos
Tretzevents, que o demo deste ruxido. Pois... sentado na cadeira non che estou ben! Para a terra,
para a terra, como na herba do prado. (Senta na terra rindo.) Así é como un home repousa! (Marta
continúa sen o escoitar.) Que fai esta?... Ei! Marta! Bonita! (Como se chamase por unha cabra.)
Que fas, Marta? Marta!
MARTA
Que?
MANELIC
Esta moi brava é! Mira! (Mostrándolle onde senta.) Alá arriba non temos cadeiras, nin falta que nos
fan! (Sopra a terra e varre coa man.) Ala, limpiño como un espello. Senta aquí, vamos, muller!
Ups!
(El ri como facéndose graza.)
MARTA
Non! Que non!
MANELIC
Dixo que non! Ah! (Ri e érguese. Aparte) Pobriña!
MARTA, aparte.
Ai, meu Deus! Cando vai raiar o día!
MANELIC
Pois se te pos así non che digo unha cousa. Xa non me acordaba!... Coa alegría, o home tórnase
máis burro! (Buscando nos petos e no peito. Aparte.) Verás! Verás agora!... Aquí! (Tirando un pano
ligado polas esquinas.) Xa pesan, xa! Cala, cala, non o penses. (Achégase a Marta nos bicos dos
pés. Ri baixiño.) He, he, he! (Tócalle cun dedo as costas e a cabeza imitando un paxaro. Alto.)
Cucú!
MARTA, erguéndose.
Ah! Asustáchesme! Ves! Facías isto alá arriba?
MANELIC
Con quen, alá arriba? Se estaba só! (Ri cariñoso. Entre tanto desfixo os nós do pano. Desfeitos xa,
pousa todos os cartos nunha man.) Queres darme a man? (Pausa. Ela non lle fai caso.) Ti?
(Para lle dar os cartos.)
MARTA
Non. O que eu quero é que agora mesmo!...
(Vai erguerse.)
MANELIC
Agarda! (Ela detense.) Que xenio! Non me deas a man, moi ben. (Estende o pano baleiro diante
dela sobre a terra.) Mira, non ves isto? É unha peseta. (Tíraa no pano.) Foi a primeira que gañei na
miña vida. Non a quixen gastar nunca, para que criase, e, mira, mira, se criou! Toma, todas!
(Baleirando no pano as moedas de prata e algúns reais que tiña na man sostidas contra o peito. Ri
conmovido.) Alá arriba cando as contaba facían un gran ruxido. Agora fano máis alegre. Debe ser
porque ti estás aquí! Ah! Mira! (Buscando entre os cartos do pano.) Mira este peso. Aínda ten
sangue. É todo sangue meu. Vaimo agasallar un día o amo, o señor Sebastià, que Deus llo pague
(Marta escoita agora.) Toma, tócao, tócao!
MARTA, afastándolle a man agora sen odio.
Non! Que non!
(Ao ver Manelic que ela non o quere tocar, béixao e póusao no pano.)
MANELIC
En fin... pois eu béixoo. (Resentido. Aparte.) Ha de pensar que isto non é nada. (Anoxado. Alto.)
Pois repara que isto si que é moito! Que... cada noite viña o lobo ao rabaño, e cada mañá había un
can patas arriba e faltaba unha ovella ou un carneiro... aquilo facíame tolear! (Vaise calmando.) E
isto dura... quen o sabe... o que dura. Até que, unha noite en vela, me poño ao axexo por tras dun
penedo á beira da arroiada pola que viña o lobo. (Ela vaise interesando.) Pois... imaxina eu aquela
noite que ruídos! O Setestrelo ía pasando, pasando alá polo ceo. E eran xa as doce e era xa a unha. E
sinto, sinto... Os chocallos, a auga de neve fundida a escorrer, o airiño da madrugada, e o Setestrelo
a se afastar, a se afastar... Cando de súpeto sinto un rumor e unhas pisadas e, aparece un vulto como
o demo, o lobo pasa por encima de min cheirando forte, sentín no pescozo o seu alento e
arrepuíñanseme as carnes e aquí dentro uns golpes fortes que me afogaban!... De golpe, no curro,
que ouveos e ladridos e o balar aterrorizado das ovellas. E eu, que rabia comigo mesmo por non
arremeter contra a fera! E non sei como foi, que me chantei no medio do camiño por onde tiña que
pasar o lobo... E, ao voltar coa ovella no fociño, choca comigo, e eu con el, e lánzome sobre el e
espétolle toda esta folla dentro. E el corre ou roda para abaixo, e eu con el; agarrados o un ao outro;
roéndoo eu a el e el a min, e bramando os dous, eu cen veces máis ca el, como dúas feras salvaxes.
(Marta escoita con crecente interese, pasando el da bravura ao entretemento. Pausa.) E... ao día
seguinte esperto, volvín velo, que non sei aínda, no fondo dun barranco, entre pastores que me
socorrían e a metade da ovella morta e o lobo morto tamén, que a estes non os tornaron á vida. A
min leváronme ao curro e con neve e aceite de lagarto me untaron as mordeduras e as feridas que
tiña por todo o corpo. E cando xa estaba medio curado, sobe até alá o señor Sebastià e dáme un
peso. E eu coa ansia de lle beixar a man, volvín abrir a ferida. (Pola súa man.) E co meu sangue
manchei a súa man e a moeda. E o señor Sebastià díxome: “Por cada lobo que mates, douche un
peso”. E, vaites, por agora aínda non matei outro!
MARTA
Manelic... Verás. (Conmovida.) Xa é noite pecha, e... acabamos. (Con moita mágoa.)
MANELIC
Daquela toma todo isto. Tómao. Sonche vinte tres pesos. Gárdaos. (El recolle o pano.)
MARTA
Non... non.. Son teus. Gárdaos no... teu cuarto... (Sinalando o cuarto da dereita. Aparte.) Meu
Deus, parece outro home!
MANELIC
No... meu cuarto? No noso, alá.
(Sinalando a porta onde está a cortina.)
MARTA
Acende unha luz e xa cho dixen, vaite. Vaite ao teu cuarto... e boa noite.
MANELIC
Este é o meu cuarto e alá está o teu? Dixeches isto?
MARTA, con mágoa.
Dixen, si! E non che abonda con dicilo unha vez que aínda queres o repita? Como se ti non o
soubeses! (Chorosa e irritada.) Mal home! E ben se ve que o eras! E agora aínda máis,
atormentándome, mal home!
MANELIC
Que o sabía? E que sabía eu? Que, Marta? Explícate. Que eu son un mal home? Dixéchelo! E por
que son agora un mal home? Quero sabelo, Marta, porque me dis estas cousas! (Rabioso e
entristecido.)
MARTA, avergoñada.
Porque ti... antes xa cho dixeron.
MANELIC
O que? O que me dixeron? Fala!
MARTA
Ah, non! Iso non o hei dicir nunca, aínda que me matasen! Mais ti, ti consentíchelo.
MANELIC
Que foses a miña muller. Si, Marta. Que te amaba máis que a ninguén no mundo, máis ca meu pai e
miña nai, máis, e que te ía facer feliz!
MARTA
Non... Non!...
MANELIC
Logo explícate, polo amor de Deus! Que me parece que estou a soñar todo isto e que ti non es a
miña muller!
MARTA, aparte.
Ai, meu Deus, que me enganaron a min e enganaron este pobre home!...
MANELIC
Marta! Que foi, Marta?
MARTA
Que agora son eu quen penso que soño!
MANELIC
Mais ti dixeches cousas que eu non podo entender e que me mancan aquí dentro!
MARTA, con medo a que el o comprenda.
Non, non, non dixen nada. Esta noite estou como tola. Non sei o que fixeron comigo. Porque ti...
Manelic...
MANELIC
Que fixeron contigo?... O que! Fala! Fala!
(De repente vese pasar unha luz por detrás da cortina que dá ao interior da casa.)
MARTA, aparte.
Sebastià! Oh! (Con horror.)
MANELIC, con estrañeza e en voz baixa.
Unha luz, Marta! Non estamos sós aquí?
MARTA, con espanto que tenta disimular.
Non hai ninguén! Non é verdade.
MANELIC
Alguén entrou, Marta!
(Querendo ir coa man no peito pola arma.)
MARTA, póndose diante.
Por favor, déixao! (Finxindo serenidade.) A luz xa debía estar.
MANELIC
Non, dígoche que non! (Desaparece a luz.) Acaban de apagala.
MARTA
Que vai haber unha luz acesa! Debeucho parecer!
MANELIC
Non dis que alí estaba? Se eu a vin! Ti tamén a viches.
MARTA
Eu non vin nada. Dixéchelo ti.
MANELIC
Ti non viches a luz? (Ficando confuso.)
MARTA
Non, non.
MANELIC
Ti non a viches? Entón... eu non vin unha claridade que ía... (Baixiño, confuso e tristísimo.)
MARTA
Non, tampouco ti a viches!
MANELIC
Non? (Fica ollando para Marta fixamente.)
MARTA, indignada. Aparte.
Ousar vir hoxe! Que miserable. Iso é tentar o demo.
MANELIC, pensativo. Aparte.
Non vin a luz? Eu non a vin?
MARTA, sentándose nunha cadeira e apoiándose no respaldo. Aparte.
Logo eu aquí hei de pasar a noite, aquí! Como unha pedra. (Alto.) A ti xa cho dixen... (Sinalando o
seu cuarto.)
MANELIC
Si, si, non mo volvas dicir... Eu alá dentro. Mais eu aínda non vou ir durmir ao meu... alá dentro.
(Déixase ir á terra, deitándose pouco a pouco.)
MARTA, aparte.
Teño que pensar. Porque o Sebastià é... (Baixiño e con pena) é un canalla. Ai, meu Deus, sempre foi
un canalla, o ladrón! Debe pensar este... (Con mágoa) pobre, que non o sinto!
(Manelic, sempre deitado na terra, vaise achegando até algunha distancia dela.)
MANELIC, tristísimo, medio choroso. Aparte.
Aquí, pretiño dela. Non como o seu marido, non, como se eu estivese só alá no alto, no curro das
Punxales. (Baixiño.) Agora a rezar o nosopai polos da casa. Aquel pola muller xa non o podo dicir,
pois xa teño, xa, muller. (Rezando.) Noso pai que estás nos ceos, santificado sexa o teu nome...
(Continúa só mexendo os beizos e laiándose.)
MARTA, aparte.
Ah, que castigo este!
(El continúa a se laiar. Pausa.)
MANELIC, medio adormecido e chorando.
Todo dorme no curro e o lobo non ha de vir, non ha de vir... non ha de...
(Vai mexendo os beizos mentres cae o pano.)
PANO
Acto segundo
ESCENA I
A mesma decoración do acto anterior. É pola mañá.
MANELIC, sentado. NURI, de pé, calcetando a zamarra, que xa está moi avanzada.
MANELIC, moi abatido.
Como é que non viñeches onte á tarde, Nuri?
NURI
Por culpa dos pavos, home. Xa che dixen que saco os pavos á mañá ben cedo e despois á tardiña.
Agora con este sol xa están no curral. E eu, a ver o Manelic! Se non paso unhas angustias! (Indo
mirar á esquerda.)
MANELIC
E por que tantas angustias?
NURI
Teño medo de que a Marta veña. Non sabes? Antes a min estimábame moito, mais desde o día en
que casastes téncheme unha teima!... (El vira a cabeza e fica pensativo.) Eu non lle quero mal
porque ela te ame, Manelic.
MANELIC, erguéndose e paseando nervioso. Aparte.
Por que me ama esta muller!
NURI
Que tes agora!
MANELIC
Nada. Fala, fala. (Volvendo sentar.)
NURI, lembrándose de súpeto.
Ah! Tamén lles ten rabia aos da casa. Mais a eles... Non sei como dicilo, tenlles outro tipo de rabia.
Mesmo creo que usou o Monseñor para non os ver.
MANELIC, con moito interese.
O Monseñor? Como foi iso?
NURI
Pois o Monseñor, que é... como lle din? Iso... o criado do amo de todo, pois veu falar cos da casa,
ameazándoos, ameazándoos que non se achegasen ao muíño a murmurar. E que ao muíño máis nada
tiñan que ir os que levasen trigo para moer.
MANELIC
A murmurar, dixeches, Nuri?
NURI
A murmurar, a murmurar. (Sentando Nuri tamén.)
MANELIC
E ti sabes que era o que non quería que murmurasen?
NURI, moi natural.
Oh, nada. Os da casa sempre murmuran, non sabes?
MANELIC
Es unha rapaza moi boíña, Nuri!
NURI, contenta do que lle dixo.
Coma ti de bo rapaz. Díxolle o coello á lebre. (Mirándoo e rindo. Pausa.) E xa hai dez días que
estás casado. (Volvendo rir e mirándoo.)
MANELIC
Si, dez días!
NURI
A que non adiviñas en que pensaba agora?
MANELIC
E que din disto as túas irmás?
NURI
Pois pensaba en facerche unha zamarra ao acabar esta. Non desta cor, non, de azul e cunhas riscas
encarnadas que che han de caer mellor!...
MANELIC
Non me fagas a zamarra, Nuri!
NURI
Por que?
MANELIC
Porque cando ti a teñas acabada... Pst! Por nada, Nuri.
NURI, erguéndose.
Voume, que estou anoxada.
MANELIC
Ei, que eu quero que volvas sentar! Deseguida!
NURI, sentándose medio virada de costas.
Pois quedo, mais aínda estou anoxada.
(Irá ollando de esguello.)
MANELIC, aparte.
Non, xa non podo estar máis nesta casa, que todo me cae encima! E ao carón da Marta ou toleo ou
morro! Mais aquela claridade non vai vir soa e eu quero saber quen era aquel home para o matar!
(Nuri tuse a ver se o Manelic repara nela.)
NURI
Manelic, que eu aínda estou anoxada!
MANELIC, mudando rápido.
Si, Nuri, si. Que queres? Coitada! Ti que aínda es feliz!
NURI, compracida co que lle di.
Ti estás triste!...
MANELIC
Non!...
NURI
Estás, si que o estás. E... sabes que che deron unha muller moi rabuda?
MANELIC
Dío a xente, Nuri, que é rabuda?
NURI
Oh!... Non sei o que din. Falan, falan. E sabes por que te quero tanto?
MANELIC
Por que, Nuri? Por que?
NURI
Pois quérote, primeiro, porque me contas esas historias de lobos e bruxas que me poñen aquel medo
tan xeitoso. E despois quérote porque a xente sempre di: “Pobre Manelic! Pobre Manelic!” E non
sei por que o din! (De súpeto nun rapto de cariño) E, vaia, eu vouche facer a zamarra!
(Comeza a cantar entre dentes mentres traballa.)
MANELIC, aparte.
Pobre Manelic! Entón todos coñecen a miña desgraza! Entón cando no casamento rían!... (Alto.)
Oh, non cantes, por Deus! Non cantes, Nuri!
NURI
Se non canto, home! Así esta acáboa máis rápido e logo me poño coa túa!
MANELIC
Escoita, escoita, Nuri. E que máis din, que din?
NURI
Quen?
MANELIC
A xente. Aqueles que din: “Pobre Manelic! Pobre Manelic!”
NURI
Ah! Agarda. (Como lembrándose de vez.) Onte, saíndo da misa, había un grupo que falaba de ti. Eu
achegueime e todos fecharon o peteiro, os moi condenados! E eu voume cantando e facéndome a
distraída e, cando non me vían, achégome de novo nos bicos dos pés e pilleinos.
MANELIC
E que foi o que sentiches?
NURI
Claro, home! Pois dicían: “Pobre Manelic! Pobre Manelic!...” E máis nada. Como a outra vez.
MANELIC, aparte.
Cando o amo Sebastià o saiba, vaina matar!... Porque eu non podo irme así sen llo dicir todo. (Con
inquietude) Se hoxe Deus o fixese volver da cidade!... (Paseando.)
NURI, gritándolle.
Manelic! (El continúa.) Ei, ei, ei! Din que o mundo é moi ruín. Ti cres que o mundo é tan ruín?
MANELIC
O da terra baixa, abofé, que así non era o da montaña. Mais talvez non fose así porque alá arriba
non había homes!
NURI
E... (Non ousando seguir)
MANELIC
Que?
NURI
Nada. Ei, ei, ei! Si, vaia, si, unha cousa, ti non tes un irmán?
MANELIC
Son eu só e xa son demasiado.
NURI
Ningún? Ningún? Nin un máis noviño e riquiño coma ti? Que teña a miña altura...
MANELIC
Por que, Nuri?
NURI
Por nada. He, he, he! Porque me gustaría que o tiveses.
MANELIC, pasándolle a man polo cabelo.
Pobre Nuri!
ESCENA II
MANELIC, NURI e MARTA. Vén do interior da casa.
NURI
A Marta! Fuxo!
MANELIC
Non te movas!
MARTA, aparte.
Sempre esta rapariga cabo del! Sempre! Se estivese tan aflixido por min, non lle prestaría falar con
ninguén! (Vai á lareira e atiza o lume sobre o que estará un pote. Vai facendo o xantar.) Este lume...
hoxe non quere prender! Nin que o fixese adrede! De que deben falar agora?... Eu non quero que
fale máis coa Nuri! (Dá un paso para ir, detense.) Oh! Meu Deus! Non lle podo mandar nada a este
home!
(Vaise pola porta da esquerda.)
NURI
Xa está fóra. E nós caladiños como se non estivésemos, non si?
MANELIC
Si, Nuri.
NURI
Eu estaba calada porque contaba os puntos. Ti agora que facías?
MANELIC
Eu contaba... os días.
NURI
Os días? He, he, he! Ti moito amas a Marta?
MANELIC
Máis que a calquera cousa do mundo!... Máis, moito máis!... Como explicarcho a ti que aínda es
unha pícara?... Porque eu á Marta amábaa antes, moito antes de a coñecer. E amábaa tanto que o día
que a vin alá arriba, cando me preguntaron se quería casar, respondín: “Claro que quero”. E íalle
dicir a ela... “Carai, Marta, demoraches tanto en vir!”. Se eu che contase todo!...
NURI
Ai, conta. Conta!
MANELIC
Eu, Nuri, moitas veces ollaba para a terra baixa desde o bico dos penedos máis altos!... E
preguntábame, cando o sol batía por toda aquela marabilla de montañas, que parecían montóns de
area, por onde debe estar a mociña que hei de ter por muller? E sabes que facía para sabelo?
NURI
Vamos, conta.
MANELIC, moi triste.
Pois puña unha pedra na funda, xirábaa tres veces cos ollos pechados, facía a funda triscar no aire e,
despois de guindar a pedra, ollaba coa certeza de que alá onde aquela pedra caese estaría ela, que
estaría a medrar bonitiña como un ramo de flores para min, só para min! E a pedra caía cada vez
cara ao levante e a Marta vén dunha terra baixa, aínda máis baixa que esta, da beira do mar! Que
desgraza!
NURI
Vaia, home, non chores! Eu non quero que chores! (Rifándolle como se el fose unha criatura.) Quen
che mandaba tirar aquelas pedras! Infeliz! E se pasase alguén pola montaña e lle atinases?... (Ela
ri.) A rir deseguida! Deseguida! He, he, he! (Comeza a chorar ao ver que el non ri.) Ala, debes estar
contento! Fixéchesme chorar! Mala centella te coma! E eu que non sei de que choro!
MANELIC, para el mesmo, chorando.
Non lle atinaron a ninguén, non, aquelas pedras, que me atinaron a min, que as sentín na metade do
peito, e todas!
MARTA, voltando. Aparte.
Aínda aquí estes dous! (Gritándolle.) Nuri!
NURI
A Marta! A Marta! Toma o pano, toma. Que non vexa que choras!
MANELIC, á Nuri, sen llo coller.
Non, se eu non choro, non choro.
(Facendo por estar sereno e afastándose.)
NURI, á Marta
He, he, he! Coidaba que este pano era seu! Sonche ben parva!
MARTA, con emoción que non pode reprimir.
Nuri!... non te quero ver máis aquí na casa, oíches? Non quero que voltes!
NURI
Manelic, corre, que a Marta me bota!
(Manelic continúa afastado.)
MARTA, tentando disimular os ciúmes.
Non é que te bote, mais hoxe estou!... que se me falan parece que todo o sinto aquí dentro. (Pola
súa cabeza.) Que estou a adoecer aínda máis!...
(Indo cabo do lume e avivándoo de présa.)
NURI
Toma isto, toma, Manelic, (Dándolle o cesto co novelo e a zamarra que está a facer.) que lle hei de
avivar o lume á pobre da Marta. (Isto sen ironía. El sentou e non lle fai caso a Nuri que lle dá un
golpiño nas costas.) Non me oíches, cativo? Este rapaz ten algo, Marta (Deixou o cesto e todo
sobre a mesa.) Dáme o fol.
MARTA
Non!
NURI, cariñosa.
Dámo, que non tes forza dabondo, que xa vas para vella.
MARTA, fóra de si.
Vaite! Vaite! Ou non me darei termado! Vaite!
NURI, sen comprendelo.
E agora? Que fixen eu?
MARTA
E se volves vir... descarada!...
(Ameazándoa co puño.)
NURI
Eu non me vou ir até que o mande o Manelic, que é o home, e mira, el manda!
MARTA
Si, si, o que el mande!
MANELIC
Nuri, aquí fai sempre o que che diga a Marta. Vaite, ela botoute, porque ela... sabe botar a xente,
que esta é a casa da Marta.
MARTA, queréndolle facer calar.
Non, Manelic, non! Por Deus!
MANELIC
Toma isto, toma, e vaite. (Polo cesto e a zamarra.)
MARTA
Nuri, que eu agora non quero que te vaias!
NURI, chorando.
Pois agora voume!
MANELIC
Vaite, Nuri. E, mira, eu voute acompañar polo camiño.
MARTA, suplicando e queréndoo termar.
Ti non, ti estás aquí comigo, que ti, Manelic!..,
(Non pode continuar porque Manelic ficou fitando para ela.)
MANELIC, despois dunha pausa.
Que eu?
MARTA
Non o sei. Meu Deus! Non o sei!
(Cae sentada chorando.)
MANELIC, sarcástico.
Por que pensas que chora a Marta, Nuri? Ri. Se está a brincar! E eu tamén! E rimos todos! Si,
Marta, si, eu contigo a rir como o primeiro día e ben felices e sempre xuntiños! (Levando a Nuri
agarrada polo van. Ela non comprende nada.) Non voltes, non, Nuri. Sós, soíños, amándonos ela e
mais eu! Sempre, sempre amándonos!
(Vai rindo sarcasticamente ao se arredar.)
ESCENA III
MARTA, chorando.
Xaora, di que sempre xuntiños, sempre, e eu sei que agarda o Sebastià para llo dicir todo e irse! Co
que sufrín estes días aquí dentro! E o Sebastià, o moi ruín, porque agora si que vexo que foi toda a
vida un home ruín, alá abaixo divertíndose polas tabernas, e... oxalá ficase por alí para sempre!
Porque se o Sebastià non volvese nunca máis, quen sabe se o Manelic aínda me perdoaría, que el si
que é bo, que se lle ve na cara, e ámame, que el pensa que non, mais eu sinto cada noite como vén a
deitarse diante da porta do meu... e láiase... láiase!... (Chorando.) Mais el non me di nada e déixame
facer o que queira!... (Despois de chorar. Decidida.) Así a todo, eu non quero que o Manelic fale
máis coa Nuri, porque eu me consumo, que así, ai, meu Deus, falaba comigo o Sebastià cando me
coñeceu! Eu non quero que estea con ela! Vou para a casa daquelas señoronas!
(Ao saír topa con Tomàs que vén, e volta a escena con el.)
ESCENA IV
MARTA e TOMÀS.
TOMÀS
Onde vas, Marta?
MARTA
Nin eu o sei. E ala, xa non vou a lado ningún.
TOMÀS
Vin saír o Manelic da ermida por iso veño aquí, que con el non me quero atopar. Está tan
desesperado!...
MARTA
Desesperado?...
(Quere falar, mais non ousa.)
TOMÀS
O rapaz non cho contou? Todos se rin del. E el pregunta da maneira que esas cousa se poden
preguntar.
MARTA
Sente, sente, Tomàs.
TOMÀS
Eu non sento nesta casa. Eu veño para que me digas o que lle teño que responder cando me
pregunte: “Tomàs, vostede que me vai procurar a prometida, por que me escolleu a Marta?”
MARTA
Non me diga iso, Tomàs!
TOMÀS
Dígocho, si. E aínda di máis o rapaz que me pregunta: “Tomàs, quen é o amante da Marta? Quen é
o home que entrou por aquela porta a noite do casamento?” (Ela agocha a cara entre as mans.) E el
quere saber quen é para o matar e eu non sei que lle responder.
MARTA, con satisfacción.
Tomàs, díxolle que o mataba? Que tiña coraxe para o facer?
TOMÀS
Díxomo, si que mo dixo. Como tamén me dixo que ía liscar de aquí para sempre, mais... agarda o
Sebastià para se despedir!
MARTA
E vostede díxolle que non se fose, non é, Tomàs?
TOMÀS
Eu? Que te deixe, non mañá, non, agora mesmo. E que antes de se ir que che cuspa na cara, que ti
es!... es!... (Non ousando continuar porque ela lle priva.)
MARTA
Vostede nunca tivo unha filla?
TOMÀS, dominado polo recordo.
Unha filla!... Tiña unha filla, tiña, e vaime morrer cando era pequena. E cando ollo para ti digo
contento: “que o Noso Señor a teña na gloria!”
MARTA
E se vostede morrese antes ca ela? E ela tivese que se facer grande sen vostede?... Soa... e coñecese
o Sebastià?...
TOMÀS, tapando as orellas.
Condenada! Non me fales, que ti perdiches o Sebastià.
MARTA
Que eu perdín o Sebastià? (Arrancando en choros.) Non ten entrañas se me volve dicir iso. Miña
naiciña!... Ai, que non podo máis! Que non podo máis! Lévame dunha vez, miña naiciña!
TOMÀS, aparte.
E chora de verdade. Se cadra si que falei unha miga de máis! (Senta.)
MARTA
Non ten, non, bo corazón! E todos estades na miña contra porque me vedes tan soa! Que até agora
non coñecín ninguén que estivese tan soa no mundo!
TOMÀS, aparte.
Se a rapaza me vai facer chorar! (Erguéndose de golpe) Ai! Que fago! Se choro por unha...
MARTA, deténdoo decidida.
Non se vaia que quero contarllo todo e que se compadeza de min!
TOMÀS, chorando con disimulo.
Non, se eu non quero saber nada, que despois o que me digas voucho crer e vai ser todo mentira.
MARTA, chorando e con enerxía.
Mentira!... Escóiteme e créame, que non vai ser mentira, non!
TOMÀS
Si, moi ben, si. (Sentando. Aparte.) Ala, se xa a creo! Xa sabía eu que me ía enganar!
MARTA, enxugándose as bágoas con carraxe.
Non nacín, non, da terra e despois da chuvia, como un bicho noxento, aínda que a xente de por aquí
o diga.
TOMÀS
Ves?... Niso da ra nunca acreditei. Deus me leve!
MARTA, con indignación, enxugándose decotío os ollos.
Tampouco acreditou en que eu era moi pobriña? Verá, eu tiña unha nai que era cega. Oíume? E non
tiven máis ninguén. (Con exaltación que irá desaparecendo para non restar máis que a tristeza.)
Así a todo, unha nai si que a tiña! Ela e mais eu pediamos esmola pola cidade alá abaixo en
Barcelona. Eu lémbrome que nos puñamos nas escaleiras dunha igrexa que tiña unha porta que non
se acababa nunca do alta que era e alí estabamos. Quen fora meu pai de verdade? Eu nunca o
souben. Desde cando pediamos esmola? Oh! Quizais desde antes eu nacer. Eu a mamá vina sempre
coa man estesa na porta da igrexa e mesmo durmindo á noite, que non sei onde era que nos
deitabamos, eu víaa con medo por ter sempre a man estesa. Un día, eu aínda debía ser moi pequena,
xa non estamos nós soíñas, ao noso carón sentou para pedir esmola un home, que... Eu crin que
tampouco me vía, porque pensaba daquela que era cegos todos os que pedían esmola. E non sei
como foi que aquel home medio eivado, coa cara toda encarnada e a barba branca, acabou vivindo
coa mamá e eles dous zoupábanse e rían. Con todo, a min aquel home nunca me zoupou nin me deu
un cariño, nin lembro que nunca me dixese unha soa palabra. Pasaron os anos, non deberon ser
moitos e unha mañá a mamá non se ergueu e aos pés da súa cama topei con aquel home que
choraba. Miña nai non chorara nunca, que eu me decatase, e mesmo eu chegara a crer que os cegos,
que non tiñan ollos para ver, tampouco os tiñan para verter bágoas. E por iso souben que aquel
home non era cego de verdade, porque choraba. A mamá morrera e eu encontreime soa. E que cousa
máis estraña! Aquel home tan calado e tan frío comigo, achei que me amaba como un pai, e non se
daba consolado da morte da pobriña de miña nai, que ficou esticada cos ollos máis embazados que
nunca, e coa man dereita estesa que semellaba que aínda andaba a pedir algunha cousa na outra
vida!
TOMÀS, chorando.
Fala, fala.
MARTA
E ao día seguinte levaron a mamá ao cemiterio e eu fun detrás con aquel home e cando xa lle
deitaran toda a terra encima, eu decateime que lle dixera a aquel home: “E agora que imos facer,
papá?” E el díxome chorando: “Ven comigo, filliña!”
TOMÀS, chorando.
Conta, conta e acaba axiña!
MARTA
Oh, si, si, non hai moito máis, polo camiño de todos pódese andar aos poucos, mais cando se cae
barranco abaixo vaise de présa. Pois voltamos á porta da igrexa e como eu andaba a medrar e vía
tantas mozas da miña idade coa roupa bonita das festas, eu voulle dicir ao papá un día que non
conseguíramos moitos cartos: “Papá, e se traballásemos!” E el ao cabo dun momento díxome que xa
procuraría un traballo para ambos os dous. E nunca aquel traballo chegaba. Até que soubemos que
estaban a coller os pobres para os encerrar e fómonos de Barcelona mentres pediamos esmola, mais
el xa nunca máis se fixo o cego. Camiñamos moito tempo cruzando terras e máis terras, e eu fun
crecendo, até que un día que facía unha calor moi forte e metémonos por estas chairas e estes
bosques, achégase de súpeto unha forte tronada e comeza a caer o pedrazo. Nós fuxiamos seguindo
á xente que deixaba as súas labouras e acubillábase na masía máis próxima, que era ao do Sebastià,
permanecemos á entrada. Saíron homes e mulleres e, entre eles, un que nos dixeron que era o amo.
E todos rían coas miñas opinións. E querían que danzase e dancei de calquera maneira para non nos
botaren que aínda chovía. E cando máis danzaba eu, máis ría a xente e menos o amo, que ollaba
para min, ollaba para min! E eu dicíame, ai de min: “Que o amo debe estar feliz con todo este
mundo seu e esta xente súa!” (Con decisión.) Eh! Acabemos! Que me preguntou despois, rindo, se
eu saíra da poeira dos camiños como aquelas ras que son feitas coas gotas de chuvia na metade do
verán e despois agarroume polo corpo e preguntoulle ao meu pai que era o que quería. Papá
respondeulle que unha caridade. E eu logo acrecentei: “Non unha caridade, non, traballar arreo!” El
sentoume sobre os seus xeonllos, que eu tiña catorce anos e o Sebastià xa se cadra trinta... E... desde
aquel día o meu pai fixo de muiñeiro. E eu... até agora...
(Tapando a cara coas mans.)
TOMÀS
Non, cala, non digas máis nada, cala!
MARTA
Eu que podía facer? Fuxir? Para onde? Se non podía! Matarme? Se matarse é pecado e dá tanto
medo morrer e eu era tan nova! Nácese para vivir e non para morrer deseguida!
TOMÀS
Que desgraciada fuches!
MARTA
Desgraciada non, son a muller máis ruín do mundo, porque a el crinllo todo, coitada de min, até
enganar este home!
TOMÀS
Oh, o Sebastià non ten perdón de Deus, fíxoa boa de máis!
MARTA
Oh, se fose como agora! Porque agora si que son forte! E sabe por que son forte? Porque antes, fose
onde for, non achaba ninguén para me soster senón o Sebastià, para a miña desgraza. E agora xa
teño o Manelic que me dá folgos, porque aínda que el non me queira, eu sostéñome nel. Se ao ir á
igrexa o facía á forza, ao saír, con todo e a mágoa que me arrastraba por dentro, eu dicíame, sen mo
querer dicir, que aquel home era o meu marido, unha cousa miña, miña, que pobriña de min, aínda
non tivera nada que fose meu na terra!
TOMÀS
Mais o Sebastià un día ou outro vai aparecer no muíño e volverás ser a muller sen folgos...
MARTA
Ai, non, por Deus que non veña!
TOMÀS
E se llo contases todo ao Manelic?
MARTA
Oh!... Como se din estas cousas? (Avergoñada.) Eu, Tomàs, non quero perdelo.
TOMÀS
Ao fin e ao cabo vaino saber polos outros, que el pregunta.
MARTA
Coido que volve! Tomàs, déixeme e... rece por min, como se fose a súa filla! Non! Desculpe!
TOMÀS
Dío, si, dío, como se foses a miña filla, que te fixeron ruín, que ti, pobriña, non o eras, nin o es,
vaia! Vamos!
MARTA
Tomàs!
TOMÀS, beixándolle a testa.
Toma e toma, porque o Noso Señor te faga unha boa rapaza! (Séntense voces por fóra.)
MARTA
Son as veciñas! Non as quero ver! (Vaise.)
ESCENA V
TOMÀS, PEPA, ANTÒNIA e despois JOSEP, NANDO e PERRUCA.
PEPA, desde a porta.
Mira o Tomàs como chora!
ANTÒNIA, idem.
Ai, que tenro o ermitán!
TOMÀS
Foi o fume que fixo esta, que nin sabe acender o lume, a... a coitada!
PEPA, entrando e Antònia detrás.
Entra, Antònia, entra. Agora non nos van botar. Como o Monseñor, por orde do amo, pasou por
todas as casas dicindo que ninguén se achegase ao muíño sen levar trigo para moer...
TOMÀS
Daquela ídevos antes de que vos boten.
PEPA
Ai, Señor! Non o sentes, Antònia?
ANTÒNIA
Botarnos a nós!
JOSEP, desde fóra.
Xa estou aquí.
PEPA, rindo.
Entra! Entra!
JOSEP, entrando cun saco de trigo ao lombo.
Traemos trigo para moer!
NANDO, idem, idem.
Que Deus vos garde. (Virándose para fora.) Ei, ti, de présa!
(Entra Perruca tamén con trigo.)
ANTÒNIA
Nunca nos levan a lado ningún!
TOMÀS
Soas estas dúas ármana!
JOSEP, ás mulleres.
E non nos custou pouco dar con este trigo! Non había en ningures.
PERRUCA
Na casa gardábano para sementar.
JOSEP
Logo o Manelic ou a Marta non saen por isto?
(Polo trigo.)
TOMÀS, aparte.
Eu deixo estes laretas aquí.
(Querendo saír.)
PEPA, deténdoo.
Agarde, Tomàs. Queriamos saber como quedou o do casamento dos de aquí. Non demos quitado
nada en claro.
TOMÀS
Pois quedou... moi ben. Adeus!
PEPA
Non, home! Verá, ao Manelic xa o andamos a atusmar e, mire, nada. Virou tan seco que parece
outro.
ANTÒNIA
Conte, vamos, Tomàs!
JOSEP, e os outros.
Vamos, Tomàs!
TOMÀS
Pois diréivolo todo. Mais vixiade que non escoiten.
(Baixiño e chocalleiro. Todos corren a axexar por todos os lados e voltan.)
PEPA
Ti, mira alá. Alá, Antònia! Para onde vive todo o mundo!
JOSEP
Non nos senten!
ANTÒNIA
Fale agora.
TOMÀS
Pois unha vez San Miguel deulle a teima de facer quedar mal ao diaño, que dicía que todas as
mulleres eran súas. San Miguel foi polo mundo na procura dunha... dunha... que non fose nada
murmuradora, porque se fose un pouco xa non se conformaba.
PEPA, resentida.
Vaia, abonda. Xa lle entendo.
ANTÒNIA
Fóra!
JOSEP
Deixádeo falar.
TOMÀS
Se non me escoitades non saberedes nada. Agardade. (Despois de lixeiras dúbidas tranquilízanse.)
Velaquí o pobre San Miguel vaise cansar de cruzar o mundo, que, fillas de Deus, todas falaban!... E
canso como estaba, velaquí o San Miguel sentou á beiriña dunha aira e á outra banda da aira había
un grupo de mulleres tomando o sol. E ao ver aquelas mulleres, elas fóronse alporizando,
alporizando: unha que se era un bébedo porque tiña a cara moi encarnada e brillante; outra que se
era un ladrón e todo o que levaba bonito era roubado; e outra dixo que ela o vira saír a noite pasada
da igrexa; e outra que o vira rebentar o peto das ánimas; e outra que o traxe que levaba era o mesmo
traxe que o do San Miguel do altar, que ficara tan espido como o mesmo demo que tiña aos pés.
Podedes imaxinar o noso San Miguel como choraba e como lle tremían as ás da mágoa. Non
sabedes? Non todo foron mágoas, non, que alí estaba unha velliña que nin abriu a bico para
murmurar, que ela máis nada ollaba para o San Miguel e sorría con dozura. (Demostración de
satisfacción das mulleres, que van interromper a Tomàs. Mais este continúa.) E aquela mesma
noite, cando aquela pobre vella xa estaba ben adormecida na súa cama, apareceuse San Miguel, e,
envurullándoa co lenzol e coa colcha, levou a velliña, que nin un chío deu do espantada que estaba.
E levouna primeiro campo a través e despois covas a dentro até unha que era máis grande e estaba
chea de fornos e zafras e de demos que alí traballaban. E el todo alegre e satisfeito, presentou a
velliña, só para que a coñecese o demo máis grande de todos os demos: que aquilo era o inferno! E
sabede que aqueles demos batían sen nunca parar naquelas zafras tan grosas e ardentes? Pois alí
batían as linguas daquelas mulleres, que as levaban como unha cana para fóra. E batíanlles e aínda
lles están a bater por lerchas e murmuradoras. (Pepa e Antònia revóltanse, os homes axudan
ríndose delas.) Si, si, por lerchas e murmuradoras! E aquí sodes curiosas e enredadoras e laretas!
(Tomàs vai camiñando para a porta.)
PERRUCA, ás mulleres, rindo.
Tornádeo agora, tornádeo!
JOSEP, burlándose delas cos outros homes.
Iso foi por vós.
ANTÒNIA
Tomàs, nós somoslle coma aquela que non dixo nada.
TOMÀS
Aquela velliña non dixera nada, nin podía dicir, porque nacera xorda e muda!
(Sae. Eles rin. Elas enfurécense.)
ESCENA VI
PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO, PERRUCA e despois MANELIC.
ANTÒNIA
E agora! Mira que graza!
PEPA, satisfeita.
Ah! Xa o dicía eu. Se esa pechase o bico!
JOSEP
El riuse abondo de nós!
PEPA
Vós axudástesme! Eu sacaríalle todo, crédeme, que el moito sabe, porque a Marta fuxiu cos ollos
cheos de bágoas.
NANDO
Agora só faltaba que despois de mercarmos todo este trigo non o aproveitemos.
ANTÒNIA
Calade. O Manelic! (Continúan a parolar.) Que o Manelic está aquí! (Calan todos.)
PEPA
A ver o que di ao vernos.
(Apártanse todos a un lado.)
MANELIC, entra sen ver a ninguén. Aparte.
Eu aquí non vou agardar nin un día máis! Din que volve hoxe o amo. Quedo ben con el e morra o
conto, para as miñas montañas e a morrer só de rabia e de pena!
ANTÒNIA, escarnecéndoo a media voz.
Ups!... A cabriña!...
MANELIC, con noxo. Aparte.
Esta xente aquí!
JOSEP, risoño.
Manelic, santos e bos días!
MANELIC
Que queredes?
PEPA
Non vimos a murmurar, non, como di a... a túa muller, que vimos a moer. Mira para aquí.
PERRUCA
Seica o muíño non leva auga?
MANELIC
Non o sei! (Repensándoo) Por auga non hai queixa! Xa podedes botar o trigo na moa.
(Perruca leva o trigo ao alpendre e volta.)
PEPA
Manelic, coido que hoxe tes mala cara.
MANELIC, rindo irritado.
Mala cara hoxe, eh? Ti iso non o podes dicir, porque ti sempre a tes.
(Rin os outros.)
JOSEP
Se cadra tes morriña do rabaño?
PEPA
Xa ten a Marta, mais... ela ben se coida soa.
MANELIC
Ti que lle tes que reprochar a Marta?
PEPA
Ai, ai! Nada, home, nada, era para te alegrar. Como é a túa muller!
(Rin todos medio disimulando.)
MANELIC, ao velos riren, el ri forte e nervioso.
Ah, si, rimos! Por que calades agora? Ride todos! Decontado!
(El ri de novo sen poder conter a carraxe. Pepa quere rir descaramente e Josep faina calar.)
JOSEP
Cala, muller!
MANELIC
E por que ten que calar? Por que? (Rin agochándose.) E por que vos agochades para rir?
PEPA
Nós máis non rimos!
ANTÒNIA, rindo.
Non rimos, non!
MANELIC
Rides, si que rides, que mesmo tendes as fazulas encarnadas e non por vergoña, lurpias, que non
tendes miga de vergoña!
JOSEP, achegándose a el.
A miñas irmás iso!
MANELIC
Si, a túas irmás, díxenllelo, eu, eu, e que queres agora?
(Fitando para el e aproximándose.)
PEPA, ficando diante dos homes.
Dínolo a nós porque xa é tarde para llo dicir a Marta.
(Pepa foxe. El corre atrás dela sen agarrala porque Nando se pon diante.)
MANELIC, a Pepa.
Mal raio te parta!... Por que é tarde para llo dicir a ela? Por que?
NANDO, queréndoo calmar.
Manelic!
MANELIC
Que fale alguén! Quen é o que fala? Quen de vós? Acabou a risa nesta casa. Latricade agora!
(Agarrando a Josep.) Ti, o irmán máis vello, de que riades esta tarde aquí e na ermida? Rídesvos
diante de Deus! Fala! Fala!
(Reméxeo, téndoo agarrado por un ou dous brazos. As mulleres aterrecidas corren dun lado a
outro.)
PEPA
Marta! Marta!
MANELIC, deixando a Josep e indo onda Pepa.
Non, a Marta non. A min, que quero que fales!
PEPA
Toleaches?
(Antònia berra.)
MANELIC, agarrando polo pescozo a Pepa.
Estou tolo, si. Mais teño fame e sede de que mo digas!... E se non, aquí mesmo!...
(Tentando esganala.)
NANDO
Manelic!
PEPA
Pregúntallo ao Candeal!
MANELIC, deixando de súpeto a Pepa.
Ao Candeal!...
JOSEP, a Perruca.
Este está doente!
PERRUCA
Eu non volto aquí!
MANELIC, como volvendo en si.
Dixeches ao Candeal? Mira, por caridade, escoita! Non, non fuxas! Dimo todo! Ti falaches do
Candeal!?...
NANDO, para que non fale.
Non, Pepa!
PEPA
Non, se eu non...
(Non sabe como se escusar.)
MANELIC
Perdóame todo e dimo! (Volvendo con enerxía e bravura.) Fala! Polo Noso Señor, fala! (Outra vez
furioso.) Maldita!
PERRUCA
A Marta está aquí.
ESCENA VII
MARTA, MANELIC, PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO e PERRUCA. Marta apartou a cortina e
permanece quieta.
MANELIC, sentando abatido. Aparte.
Ah, meu Deus! Eu non podo vivir! Agora si que non podo vivir!
MARTA
Aquí que queredes?
JOSEP
Vimos a moer, o Monseñor díxonos...
MARTA
A moa está alá fóra.
PEPA
Verás, como non tiñamos présa.
MARTA
Moi ben, si, liscade, que aquí non tendes que facer.
(Saen murmurando a media voz. Levan o trigo que xa pousaran na porta.)
ESCENA VIII
MARTA e MANELIC.
MANELIC, sentado lonxe da mesa. Aparte.
O Candeal? O Candeal!... Logo aquel home era o Candeal?
MARTA, pondo a mesa dun lado. Aparte.
Que mágoa dá mirar para el! E agora a xantar coa amargura encerrada aquí dentro!
MANELIC, aparte.
Xa o podía imaxinar, era o Candeal! (Erguéndose e indo cheo de nervios pola escena.) Non sei o
que fixen que non entrei no cuarto dela para degolar aquel home! E despois a ela! A ela! (Pausa.)
Pts! Quíxome a Marta para isto, porque xa vía que eu non me ía desquitar! (Volveu sentar.) Aquela
noite non o fixen porque eu no mal... nin tan sequera acreditaba! Agora si, agora si, que xa me
contaxiaron todas estas miserias da terra baixa!
MARTA, aparte.
Como facer para falar arreo con este home e que el me fale! Como! Que eu non o quero sempre
calado cabo de min, desprezándome! Quero que me castigue! E me arrastre pola terra! E que me
trate como unha cousa súa! (Gritándolle con medo.) Manelic!
MANELIC, como se non a sentise. Aparte.
Sentíndoa, quen diría que non fose unha rapaza a que fala!
MARTA
Manelic!... Que... o xantar está na mesa.
MANELIC
Ah, si, o xantar. O xantar. (Aproxímase á mesa e comeza a cortar pan. Marta entre tanto foi á
lareira. Aparte.) Que non custa nada, non, degolar un home! E a ela... a ela menos!... (Tópase co
ollar de Marta que volta.) Se ela non me miraba! Ah!
(Lanza o coitelo sobre a mesa.)
MARTA
Bótate ti, Manelic.
(El bótase, despois ela. Pausa, xantan.)
MANELIC, aparte.
Quen me dese ser un lambón como alá arriba! Porque os lambóns non sofren. Non me dá pasado
nada por aquí dentro!
MARTA, baixiño.
Ai, meu Deus! Axúdame!
MANELIC, aparte.
Pts! Que lle axuden!
(Vai falar e detense.)
MARTA
Que? Fala! Que ías dicir?
(Vai cara a el.)
MANELIC, apartándoa co brazo.
Nada, nada, aparta!
MARTA
Fala unha vez na túa vida! Pídocho eu por...
MANELIC, sarcástico.
Por quen mo pides?
MARTA
Por... por...
MANELIC
Por... el? Por quen? (Á espera de que llo diga.) Que noxo me dá esta muller! Eh! Fártate ti soa!
(Levántase.) Eu volto para as miñas montañas!
(Vai cara á porta.)
MARTA
Non, Manelic, non! Escóitame!... e perdóame!
MANELIC, moi alporizado.
Que te perdoe? Deus me valla!... Eu que che fixen? Fala! Por que tiñas que enganarme a min? Por
que?
MARTA
Porque eu non era ninguén! Que non tiña vontade e obedecía! E nunca te vira! Nin te amaba! Nin
sabía o que era ter cariño por alguén!
MANELIC
Daquela por que casaches comigo e non casaches con aquel home (Alporizado sempre.) Que eu non
sei por que e consúmome e toleo por sabelo! (Correndo onda ela.) Por que? Por que? Respóndeme!
MARTA
Ah, iso non! Iso non! Que ti me ías aborrecer aínda máis do que me aborreces!
MANELIC
Aborrecerte? Matarte é o que tiña que facer eu, que é o único que mereces!
MARTA
Oh, si, matarme, si, iso é o que desexo!
MANELIC
Non, non, antes voume. Voume de aquí para sempre!
MARTA, rabiosa por paralo.
Non che presta falar comigo! Non, non, non ouses! (Indo atrás del desesperada.) Tesme medo,
tesme medo a min! Covarde! Medo! Medo!
MANELIC, parándose.
Que... Que eu teño medo?...
(Ao se deter, ela muda de súpeto chorando porque fique.)
MARTA
Fálame! Insúltame! Báteme! Mais non te vaias!
(Abrázase aos seus xeonllos laiándose.)
MANELIC
Déixame ir que isto é un pozo de miserias! Eh! Déixame!
(Desprendéndose dela e indo para a porta. Ela cae apoiándose cun brazo na terra.)
MARTA, por o deter, rabiosa, rindo e chorando.
Si, si, co que eu te amo! (Axeonllada avanza cara á porta.) Eu enganeite! E ti non me castigas!
(Manelic detense.) (Aparte) Non se vai, non! (Alto, suplicando.) Manelic! (El, que dubida, vai saír.)
E son toda do outro!... E de ti non son, non o son!
MANELIC, voltando atrás, ameazándoa co puño.
Que cales! Cala! Cala!
(Marta érguese.)
MARTA, satisfeita de que el non se vaia.
Eu enganeite e estou contenta de te enganar! E mira, ríome de ti, coma todos, mira! (Ri como unha
tola.) Río, si, si! E aínda ando á espera do outro!
(El corre cara á mesa e agarra un coitelo.)
MANELIC
Polo que máis queiras, aquí mesmo!...
MARTA, correndo a agarralo do brazo esquerdo.
Enganeite, si! Aínda te engano! Aínda vai vir o outro!
(Ceiba unha gargallada salvaxe.)
MANELIC, levantando o coitelo.
Voute matar!
MARTA, rindo e chorando.
Mátame! Mátame! A que non me matas!
MANELIC
Que estou a facer! Non podo, non!
MARTA, reafirmándose ao ver que se aparta.
Ah, covarde! Ben se ve que viñeches polos cartos!
(Agarrándose a Manelic para que a fira.)
MANELIC
Logo toma! Maldita!
(Feríndoa nun brazo.)
MARTA
Ah! (Satisfeita.) Por fin!
MANELIC, guindando o coitelo con espanto.
Oh, meu Deus! Que fixen!
MARTA
É sangue! Sangue meu! E fuches ti!... (Sosténdose na mesa.) Oh, que gusto! Río! Mira como río! E
agora río de alegría!
MANELIC
Maldito sexa! Maldito sexa cen veces, que son como as bestas salvaxes!
(Permanecendo sentado nunha cadeira e fregando a cabeza entre as mans.)
MARTA, correndo onda el e caendo de xeonllos e abrazándoo.
Non, non! Dígoche que estou contenta! Se eu quero que acabes comigo! Que quero que me mates!
Vamos!... Aquí... dentro do peito!
MANELIC, queréndose apartar con terror.
Non! Non! Déixame!
MARTA, chorando, sen deixalo apartarse.
Eu non quero vivir desta maneira! (Ela vaise apoderando do corazón de Manelic.) Eu fun contigo a
muller máis miserable do mundo e iso non o podo desfacer!... Nin a miña vida pasada tampouco,
que non hai folgos dabondo para o desfaceren! (Con desesperación.) Vamos, vamos, que mentres
quería vivir non tiven valor para che dicir o que fixen e o que consentín, e agora que me vas matar,
agora voucho contar todo, agora!
MANELIC, que a quixo interromper.
Conta! Si! Conta!
MARTA, laiándose rabiosa.
Tratáronme como un croio dos camiños, que se lle dá cos pés para rodar! Mátame! Mátame!
MANELIC, segurándoa, chorando.
Marta! Ai, Marta!... Se eu non te podo matar, non, porque te amo, Marta! Ámote! E amábate desde
alá arriba. Ao subires, eu era unha presada de neve que se fundiu ollando para ti. E ameite aínda
máis ao vir encontrarte, malpocado, baixando a saltos, como a auga dos cumes a se xuntar coa auga
do mar, que seica se amarga! Que sexa amarga, que o sexa, ela atráeme coma ti me atraes a min,
porque eu te desexo e te amo, Marta! (Ela tenta desprenderse del con enerxía, brigando.) E agora
máis, agora máis, por... porque non sei o porqué, tanto me ten sabelo! Porque talvez me enganaches,
porque sentín a calor do teu sangue, porque todo eu respireite toda! E mira, para min non hai leis de
aquí abaixo nin nada que me deteña, que os lóstregos e os refachos me fixeron libre, e eu quero,
porque o quero, bicarte e roerte até a alma, e apertarte nos meus brazos afogándote neles,
confundindo nun devezo furioso a morte e a vida, como un home e como unha fera, que son e quero
ser sempre home e fera, todo xunto, todo, contra ti e contigo, e contra todos, todos os da Terra. (El
tena nos seus brazos medio desmaiada. Olla cara ao lado da cortina e lévaa axiña ao outro lado
nos seus brazos.) E agora que ma veñan coller! Arre demo! Que veñan! Que veñan!
MARTA
Meu Deus!
MANELIC
Marta, es miña!
(Achegándoa nos seus brazos e queréndoa bicar.)
MARTA
Non! Non!
(Sen o consentir e fuxindo del.)
MANELIC
Marta?!
MARTA, resolta.
Non, perdoarme así, non! Que ti me perdoas porque aínda non o sabes todo. Cando chegue o
momento, valo saber e por min mesma. E despois o que Deus quixer!
MANELIC
Sabelo, si, mais non aquí abaixo, Marta, que o ceo se cubriu co bafo de tantas miserias e Deus non
te ía ver a cara cando falases.
MARTA
Daquela alá arriba e agora mesmo!
MANELIC
Vaiamos, si, que alá se perdoa todo, que non é como aquí abaixo, onde todo se corrompe. Que
noxo! (Levándoa.) Alá arriba, Marta, mesmo se conservan os corpos na neve. Vese o que van facer
as almas!
MARTA
Oh, vaiamos, vaiamos decontado!
(Van saír.)
ESCENA IX
MARTA, MANELIC, MONSEÑOR, despois SEBASTIÀ.
MONSEÑOR
Que novas temos por aquí?
MARTA, aparte.
O Monseñor! Oh, meu Deus!
MANELIC
Oh, chegou a tempo, abofé! Oia, dígalle ao amo que lle devolvo o muíño, e... que moi agradecido,
Monseñor. E... chega, que, vaia, que me levo o que é meu. Vamos, Marta.
MONSEÑOR, sen o entender.
Mais... que é o que levas?
MANELIC
Falei ben claro, levo á Marta.
MARTA, aparte.
Acabouse, si.
(Vai saír.)
MONSEÑOR
Todo iso dicídello ao amo, que xa voltou.
MARTA
O Sebastià está aquí! Oh, vámonos!
(Ela vai saír. Manelic, sen a entender, séguea. Monseñor ri sarcástico. Ao chegar ela á porta
tópase con Sebastià.)
SEBASTIÀ, rindo satisfeito.
Xa te pillei! Míraa, Monseñor, que saía a recibirme!
(Marta retrocede. Monseñor continúa irónico.)
MONSEÑOR
A recibilo, e logo!
MARTA
Manelic, non te apartes!
SEBASTIÀ, que non comprendeu nada.
E ben contento que veño, Marta! Porque acabo de arranxar o meu casamento e esta mesma tarde
chega o pai da miña prometida a dar unha olladela por aquí.
MARTA, aparte.
Ai, Deus!
SEBASTIÀ, a Monseñor.
Que ten esta?
MONSEÑOR, rindo.
Pregúntalle.
MANELIC
Axiña llo digo eu, voume coa Marta.
SEBASTIÀ, correndo onda ela furioso.
Marta, que está a dicir este home! Respóndeme! Que me respondas!
MARTA
Que nos imos!
SEBASTIÀ
Marta! Marta! Que ti te vas con el! O demo te coma!
(Agarrándoa por un brazo e sacudíndoa.)
MANELIC, interpóndose.
Amo! Que fai, amo? Que é a Marta!
SEBASTIÀ, a Manelic.
Ti que estás a pensar? Eu dispoño disto! Eu, eu dispoño!
MANELIC
É miña! É a miña muller!
SEBASTIÀ, rindo irónico.
Túa? A Marta túa!
MARTA
Son, si!
SEBASTIÀ
Marta!
MARTA
Todo acabou, todo!
(Agarrándose a Manelic.)
SEBASTIÀ
Monseñor, que veñan aqueles e que me saquen este home de aquí!
(Monseñor vai á porta do alpendre e chama por todos.)
ESCENA X
MARTA, MANELIC, SEBASTIÀ, MONSEÑOR, PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO, PERRUCA e
outros.
MANELIC
A min? E por que me teñen que sacar a min?
SEBASTIÀ
Porque aquí, como antes, eu son o amo. De ti e de todo e dela! Dela!
MARTA
Non o escoites! Vámonos, Manelic!
MANELIC
Vámonos!
SEBASTIÀ
Ti vala levar! Oh, toma! Por renegado!
(Dálle unha labazada a Manelic.)
MANELIC, furioso.
Ah! A min!
MARTA
Manelic! (Con tristeza, despois con ira.) Manelic, zoupouche! Víngate!
MANELIC, chorando furioso.
Oh, que carraxe! Mais el é o amo!
MARTA
Non é o amo, non, que el me perdeu. A min! El! El! É a miña deshonra!
MANELIC, a Sebastià.
Vostede! Oh!... Ti! (Índose botar encima furioso.) Ladrón! Bandido! Ladrón! Ladrón!
MONSEÑOR, aos labradores que conteñen a Manelic.
Sacádeo!
JOSEP, cos outros.
Correde! Ao amo!
MANELIC
Voute matar!
SEBASTIÀ
Sacádeo! Para fóra! Como un can rabioso!
MANELIC
Quero a súa vida! Quero a súa vida!
SEBASTIÀ, indo onda Marta.
E esta, miña para sempre!
MARTA
Manelic!
MANELIC
Non! É miña! Ladrón! Logo hei de atoparte, logo hei de atoparte, ladrón!
(A xente saca a Manelic fóra e Sebastià suxeita a Marta.)
PANO
Acto Terceiro
ESCENA I
A mesma decoración dos actos anteriores. É cara á tarde.
JOSEP, NANDO e despois PERRUCA. Ao se levantar o pano, están sentados e tristes.
JOSEP
Estou preocupado, Nando, creme, estou preocupado.
NANDO
Non berres, que te pode sentir a Marta.
JOSEP
Fixémola boa.
NANDO, alzando a voz.
Fixemos e non sei como non nos dá vergoña.
JOSEP
Non bourees, a Marta precisa acougo.
NANDO
Ai, tes razón! (Pausa.) Non tiñamos que ter feito aquilo de axudar a sacar o Manelic.
JOSEP
Se non apartásemos ao Manelic, coa arroutada que lle deu, pobre do Sebastià!
NANDO
Home, separalos... claro, mais non sacalo como un can do muíño e da súa muller. Mira, o demo me
leve, eu ao pé do Sebastià xa non aturo máis. E deixa que entre o Sebastià, que eu vou falar sen
cancelas.
JOSEP
Eu tamén quero falar sen cancelas e se o toma a mal que o tome.
(Josep vai ollar para o alpendre.)
NANDO
O Sebastià aínda está aí fóra?
JOSEP
Está co Monseñor. E pasea pola aira de arriba a abaixo!... Ben se ve que a rabia o come.
PERRUCA, entrando canso.
Xa cheguei, corrín todo o tempo á ida e á volta.
NANDO
Conta, home.
PERRUCA
E aínda me di o amo que fun a paso de boi. Por que non foi el se tanto lle bulía?
JOSEP
O amo a onde che fixo ir!
PERRUCA
A que avisase a garda civil de que había un rapaz, que el botou fóra e que se chama Manelic e que o
busquen e o vixíen, porque o rapaz, cando esta tarde o botamos do muíño, lle xurou ao amo que lle
ía dar morte. Eu sentinllo dicir.
JOSEP
Ti dixécheslle iso á garda civil?
PERRUCA
Dixen, si, de parte do amo.
NANDO
Estás aviado! Farante ir declarar e fecharante co xuíz...
JOSEP
E farante xurar diante dun Cristo e, ai de ti, se te enganas ou te tropezas que vas para a prisión!
PERRUCA
Pois eu dixen que vós tamén estabades e que o sentirades...
NANDO
A min non me enredes! Eu non sei nada diso!
JOSEP, angustiado.
E eu non estaba alí, eu estaba... Que non, señor, que eu non estaba alí!
PERRUCA
Galiñas, máis que galiñas! Que vós non estabades cando o dixo Manelic? Pois eu tampouco!
ESCENA II
PERRUCA, NANDO, JOSEP, PEPA e despois ANTÒNIA.
PEPA, vén do cuarto de Marta.
Que facedes? A Marta quixo descansar un pouco!
NANDO, volvendo baixar a voz.
E como se atopa, como?
PEPA
Eu moito ben non o sei, non podo saber nada de certo. Pregúntolle e ela tan axiña chora como se
alporiza, mais a min non me responde.
JOSEP
E a ti que che parece? Como vai acabar todo este enredo?
PEPA
Como vai acabar, como vai acabar?... Pode acabar de moitas maneiras.
NANDO
Eu de ti preguntáballo á Marta.
PEPA, berrando.
Que che digo que non me responde!
ANTÒNIA, vén do cuarto de Marta.
E agora, Pepa! Que berras, muller!
JOSEP
Antònia, que pensas de todo isto?
ANTÒNIA
Morreu o conto, unha vez fóra o Manelic, a Marta voltará co Sebastià. E o outro, mira, a tornarse
unha besta de novo e a coidar das cabras.
PEPA
A Marta non vai poder ver o Sebastià nunca máis, que iso o sei eu. E o Manelic, ao se ir, dixo ben
claro que se ía vingar.
PERRUCA
Nós destas cousas nada sabemos.
NANDO
Nada, nada. Non sentimos nada.
JOSEP
Nós non sabemos nada. Nadiña.
(Isto deben dicilo os tres case xuntos.)
PEPA
Eu volto cabo dela. A ver se o conta todo na próxima arroutada.
(Vaise.)
JOSEP
Calade, calade, que vén o Sebastià.
NANDO
Fagámonos os desentendidos.
ANTÒNIA
Eu fuxo.
(Vai para o cuarto de Marta sen acabar de desaparecer.)
ESCENA III
SEBASTIÀ, JOSEP, NANDO, PERRUCA, ANTÒNIA e despois PEPA. Escurece pouco a pouco.
SEBASTIÀ
Antònia!
(Non repara nos homes que están ao outro lado.)
ANTÒNIA
Eu ía facerlle compañía.
SEBASTIÀ
Chamei por ti! (Ela teima en fuxir.) Non me sentiches chamar! (Antònia detense.) Ela como está?
ANTÒNIA
Na cama a chorar.
SEBASTIÀ
Dille que saia, que estou a agardar por ela.
ANTÒNIA
Corro.
(Vaise.)
SEBASTIÀ, aparte.
E o pai da outra aínda está por chegar á masía! Cando todo estaba amañado, só faltaba que agora o
estragase ese bandido! (Reparando nos homes. Alto.) Ola! Estades aquí? Xa vistes o Manelic!
Despois de o sacar da miseria!... Facerlles favores a bestas!
NANDO
Está claro, non se poden facer favores.
(Sebastià continúa a pasear impaciente porque Marta non sae.)
JOSEP, a Nando.
Non dixeches que te ías encarar?
NANDO, a Josep.
Tamén ti o dixeches.
JOSEP, a Nando.
Claro que me vou encarar.
NANDO, a Josep.
E eu, non ves?
SEBASTIÀ, sentando preto da mesa. Aparte.
E esta é peor ca el, porque o Manelic así a todo... Tiña que telo esperado da Marta!... A
condenada!...
(Josep e Nando están a encirrarse o un ao outro para ir falar con Sebastià.)
JOSEP
Amo...
SEBASTIÀ, dando un golpe na mesa.
Que?
JOSEP
Nada.
NANDO
Agora eu, a ver. (Indo falar co amo.) Daquela... Sebastià...
SEBASTIÀ
Vós axiña sentistes ese ladrón doente cando se tirou encima de min, que se non o tornades...
PERRUCA
Estes, estes.
NANDO
Eles, eles.
JOSEP
Estes.
(Dito polos tres case ao mesmo tempo.)
SEBASTIÀ
Que me mataba, que me mataba!... E ben claro que o dixo, non é, rapaces?
(Impaciente, ollando para o cuarto de Marta.)
NANDO
Estes sentírono.
PERRUCA
Eles, bastante.
JOSEP
Hoxe ando un pouco xordo...
SEBASTIÀ, aparte.
Esta muller quere acabar coa miña paciencia!
NANDO, a Josep.
Non ousas enfrontarte!
JOSEP, a Nando.
Vas ver, despois ti. Sebastià, que o Manelic... é... valente. Non si, amo? Non é valente?
SEBASTIÀ
Valente? Unha besta e un bandido!
JOSEP
Iso quería dicir, iso.
NANDO, a Sebastià.
Pois eu digo... que un bandido... e unha besta. Non hai volta que darlle.
JOSEP, a Nando.
Non lle vai gustar nada o que lle dixen.
NANDO, a Josep.
E eu con que mala intención, eh?
SEBASTIÀ, aparte.
Concho, que non agardo máis. (Alto.) Marta!
(Indo cara ao cuarto dela.)
PEPA, desde a porta.
A Marta di que agora non pode saír.
SEBASTIÀ
Eu mándolle saír!
PEPA
Está moi confusa, de verdade, amo... E, vaia, que agora non quere saír.
SEBASTIÀ
Logo á forza, tráea a rastras!...
PEPA
Pois...
SEBASTIÀ
Deus me valla!... Tráema ou se non!...
(Ameazándoa, Pepa foxe dentro.)
JOSEP, aos outros, índose.
Habemos de estar mellor fóra.
NANDO, saíndo.
É mellor non complicarse, que aínda se vai desafogar connosco.
(Saen con Perruca, ficando no alpendre.)
ESCENA IV
SEBASTIÀ e MONSEÑOR.
SEBASTIÀ, aparte.
Hoxe seica todos teiman en verme perdido! Entón xa que ela non me...
(Apartando a cortina do cuarto de Marta para entrar.)
MONSEÑOR, entrando de présa.
Sebastià, xa me ten aquí outra vez.
SEBASTIÀ
Vés da masía? Que novas traes?
MONSEÑOR
Na súa casa están a acontecer cousas ben graves.
SEBASTIÀ
Aínda hai máis para min! Se hoxe non viro tolo, non hei virar nunca. Fala.
MONSEÑOR
Pois nada, chegou o pai da súa prometida.
SEBASTIÀ
Mal raio o parta! O asno xa podía esfragarse pola fervenza das Falconeres!
MONSEÑOR
Por iso debe correr á masía...
SEBASTIÀ
Logo vou, logo, mais non agora... (Monseñor ri.). Que para min esta muller é o primeiro do mundo,
agora e sempre.
(Por Marta.)
MONSEÑOR
Parece mentira! O que era antes e no que se tornou agora!
SEBASTIÀ, furioso.
Vaite! Que te vaias!
MONSEÑOR
Mais... que é o que non entende? Quere perderse de todas as maneiras? O home xa sospeita todo o
de aquí dentro, que todo o do casamento da Marta foi unha comedia, que por ciúmes trouxo ao
Manelic a esta casa!... Sebastià, Sebastià, que este home fala de desfacer o casamento con súa filla!
SENASTIÁ
Vai alá, vai. E entreteno e tenta enganalo.
MONSEÑOR
Ía baixar aquí ao muíño e, se chega, todo está perdido!
SEBASTIÀ
Entón, vamos, vamos, que eu non quero ser pobre e agora menos, por ela.
MONSEÑOR
Grazas a Deus, home! (Berrando polos do alpendre.) Vós!
SEBASTIÀ
Estade aquí fóra e vixiade o muíño. Que ninguén entre nin saia.
MONSEÑOR
Vamos.
SEBASTIÀ
Vamos, si. E eu volto decontado. Decontado volto. (Vanse precipitadamente.)
ESCENA V
JOSEP, NANDO, PERRUCA, traballadores que non se moverán do alpendre, despois PEPA e
ANTÒNIA, e por último NURI. Escureceu aínda máis.
NANDO, desde a porta.
Sabes que o amo está a tolear?
JOSEP
Eu penso que isto é cousa do demo.
PERRUCA
Eu vou andar cos outros por aquí fóra.
ANTÒNIA, vén do cuarto de Marta
Déixaa, Pepa, déixaa! Eu non estou máis con esa túzara!
PEPA, saíndo do cuarto.
Éche tan revirada!... Ai, que noite se fixo!
(Acende unha luz sobre a mesa)
JOSEP
Que non quere vir! Non é, Antònia?
ANTÒNIA
Que non sae!
PEPA
Eu preguntáballe... cousas, para a distraer, e ela cunhas maldicións e un xenio que eu non llo aturo
máis. Isto tan fácil non se explica.
ANTÒNIA
Ai, si, si, ímonos ir á casa.
(Séntese chorar a Nuri ao lonxe.)
JOSEP
Nós non nos podemos mover até que o Sebastià veña.
NANDO
Non o sentides? Seica alguén chora.
JOSEP
Choran, si.
NURI, entra chorando.
Eu xa me fartei de estar soa na casa! Que eu non quero estar máis na casa!
PEPA
Ven, Nuri.
JOSEP
Ten razón a Nuri.
NURI
Desta coitada xa non vos lembrades! E... escurecía e eu non tiña por que estar toda soíña!
ANTÒNIA
Por que non te pechaches?
NURI
Xa me pechei! E, ai, que cando aínda o penso teño medo daquel medo que tiña! E, ai, que ao vir
parecía que corrían detrás de min! E, ai, que estou derreada de correr!
(Chorando fatigada.)
PEPA
Cala, muller, e acouga.
NURI
Eu non podo calar, que vos teño que contar o susto que tiven, que aínda tremo.
JOSEP
Que foi?
NURI
Cando estaba a quencervos a cea, sinto como unha voz moi fonda, moi fonda que vén non sei de
onde e que dicía: “Nuri! Nuri!” E dicíao cunha voz que semellaba saír dun pozo. Eu boto a correr e
pecho a porta de fóra, e outra vez máis lonxe aínda... “Nuri! Nuri”, se non fose dalgunha alma en
pena, eu diría que era a do Manelic que berraba e sufría! (Como se o lembrase, faino ela mesma.)
“Nuri! Nuri!” (Espantada.) Ai, se aínda me arrepío!
NANDO
E despois que aconteceu?
NURI
Despois... nada. Ah, si. O pote que fervía, fervía, e non sentín máis nada, e eu pillei un medo aínda
máis grande de só sentir o pote! E cantando fun até a porta e abrina de vez. E cantando corrín até
aquí. (Canta un momento baixiño.) “Nuri! Nuri!” Ai, que medo! Ai!
(Dando un berro horrorizado, corre a apertarse a Pepa.)
PEPA
Carai, muller, que a min tamén me asustaches!
NURI, de súpeto.
Onde está a Marta?
PEPA
Non está moi ben.
NURI
Non? (Pensativa.) A pobriña! (Ollando para todos que están tristes.) E vós tendes unha traza...
como se estivésedes tristes.
PEPA, facéndose forte.
Tristes, si!
(Todos rin á forza. Volve entrar Perruca.)
NURI
Que maneira de rir tendes!... (De súpeto.) E onde está o Manelic?
PEPA
Oh, por aquí debe andar.
NURI
Onde?
NANDO
Si, si, anda por aquí.
ANTÒNIA
Ha de estar durmido.
JOSEP
Si, debeu adormecer por aquí.
NURI
Dicídesmo todo dun xeitiño...
PEPA
Como queres que cho digamos?
NURI, aos homes
E por que non imos para a casa?
JOSEP
Agardamos polo... que nos dixo que agardemos.
NANDO
Polo Sebastià, que quere que vixiemos e... (Os outras fanlle acenos para calar.) máis nada.
NURI
Que vixiedes? O que?
JOSEP
Oh, cousas! Non sabes? Cousas.
(Todos o din.)
NURI, desata a chorar.
Ai, meu Deus, que non sei o que pasa! (De súpeto vai mirar ao cuarto da dereita.) Eu quero ver o
Manelic! (Todos falan baixiño desafiándose.) Non está! (Gritando.) Marta! Manelic!
(Quere ir ao cuarto de Marta)
PEPA, sen a deixar pasar.
Non grites!
ANTÒNIA
Onde vas?
NURI
Eu quero velo! Quero velo!
NANDO
Cativa!
NURI
Pois vou chorar de novo! Que me entran ganas de chorar! Que ao Manelic lle pasou algunha cousa!
(Quérena facer calar.)
PEPA
Muller!...
NURI
Se cadra xa está morto! Matástelo vós, ao malpocado faciádelo encabuxar de máis! Miserables, que
non tendes corazón, non. E, ai, que meus irmáns son uns miserables, pobre de min, que son uns
miserables!
(Quixeron facela calar e acaban por baixar a cabeza avergoñados.)
NANDO, aos irmáns.
Nós só obedecemos o amo e non lle fixemos mal ningún.
JOSEP, id.
Botámolo da casa porque o mandou o amo. E estamos arrepentidos.
NANDO
De todo o estamos, de todo.
(Os outros tamén o din a media voz.)
NURI
Si? Pois entón ha de volver. Ai, que contenta estou! E agora vou chamar por el até que rebente
gritando e veredes como volve.
JOSEP
Que dis!
PEPA
Acouga aquí.
NURI, querendo saír.
A min agora o Manelic non me pon medo! (Todos a paran.)
PERRUCA
Nuri!
NANDO
Que o amo non o quere!
NURI
Mais vós si, deixádeme!...
(Foxe deles e vai saír.)
JOSEP
Que non grites!
PEPA
Aquí, Nuri!
ESCENA VI
MARTA, NURI, PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO e PERRUCA.
MARTA, desde a porta.
Nuri!
NURI, indo.
Marta! Marta!
MARTA, abrazándose.
Nuri!
NURI
A pobre da Marta! Sabes o do Manelic?... Botárono como se non fose ninguén, oes!
MARTA
Seino, Nuri, seino. Axúdame a camiñar.
PEPA
Nós habemos de acudirte.
MARTA
Apartádevos. (Chora en silencio.)
JOSEP
Nós só o fixemos por obediencia!... Non sabes?
MARTA
Desgraciados!... Por obediencia tivéstesme sempre teima, a min que nunca vos fixera mal ningún! E
por obediencia rístesvos do Manelic e martirizástelo! Que vos fixera el para o tratardes así? Que vos
fixera el?
NURI
Non chores, non. Que non quero que chores! (Tan axiña Nuri enxuga os ollos como os enxuga
Marta. Os outros están coa cabeza baixa avergoñados.)
MARTA
E agora por que lle prohibides a Nuri gritar? A vós que máis vos dá?... Se o que eu quero é ir con el,
co meu marido, arriba, sempre montañas arriba, até atoparmos un lugar onde a xente non se ría de
nós! E se atopásemos ese lugar e mesmo chegasen as risadas ao bico da máis alta das montañas, e se
alguén de aquí subise alá para se rir dun home porque perdoou unha muller arrepentida que quere
ser de novo honrada, habemos de ir aínda máis arriba, máis, que así o quero eu, e alá onde está Deus
non se rin, non, dos que se aman e perdoan.
NANDO, a media voz.
Que razón ten!
PEPA, id.
Non sei por que iamos facer iso.
PERRUCA
Pobre muller! (Todos tristes e chorosos.)
NURI
Non ves, Marta? Eu coido que choran! Ámante todos! Non é verdade? (Todos din que si coa
cabeza) Ea, ven comigo, encontraraste con el e irédesvos xuntos.
MARTA
Oh, si, iso si, con el! (Vai saír con Nuri.)
NANDO
Iso... non pode ser.
JOSEP
Se non fose polo Sebastià, aínda. Mais o Sebastià non quere...
MARTA
Non ves, Nuri? Non me deixan saír de aquí dentro! (Todos se achegan a Marta queréndose
escusar.)
NURI
Non abrades o bico. Que non sabedes dicir cousa con xeito para a consolardes. Ven, déixaos, ven.
(Lévaa a unha beira.)
JOSEP, a media voz.
Eu voume, que me dá moita mágoa esta muller.
PEPA
E nós tamén.
NANDO
Non dixo o amo que vixiásemos desde fóra? Logo vamos.
ANTÒNIA
Vamos, si. (Van saíndo.)
JOSEP, voltando atrás.
Se queres pechar, Marta... Nós estamos fóra. Non queremos apoderarnos de ti.
ESCENA VII
MARTA e NURI.
MARTA
Ti non te vaias, Nuri.
NURI
Non, non, eu contigo. Ninguén te quere máis ca min. As dúas soas habemos de estar ben? Queres
que peche?
MARTA
Pecha, pecha.
NURI
Pois ala, xa está. E agora que facemos? (Ri bondadosamente, despois solta de súpeto.) Agora
falemos do Manelic?
MARTA
Ai, Nuri, que estou a morrer coa angustia aquí dentro! Que estas paredes me caen encima e detrás
delas parece que o Sebastià me arrastra e me leva! Ah, non, iso non, que eu quero saír destas casa
para ir onde está o Manelic, que eu non sei onde está. Mais se puidese fuxir, eu atopábao.
NURI
Mira, Marta, eu non entendo nada disto. Nin tampouco entendo que eles non che deixen saír da
casa. Mala centella os coma, non ves o que che digo!
MARTA
Os da túa casa son uns...
NURI, moi triste.
Non o digas, Marta, non o digas. Ben o sei! Mais son os da casa e... non o digas!
MARTA, abrazándoa.
Nuri, quérote tanto!
NURI
Pois agora téñome a min mesma unha teima! Unha teima tal que me daría de labazadas a min
mesma!
MARTA
E por que, Nuri?
NURI
Porque non sei como podo facer para te escapares decontado, decontado.
MARTA
Ai, porque se volta o Sebastià!... Meu Deus, que non me atope aquí dentro!
NURI
Agora tiña que me converter no señor crego, porque el o sabe todo, e xa amañaría a maneira de te
escapares. (Cavilando.)
MARTA
E eles alí fóra sentados, vixiando que non me vaia! Mira, Nuri, mira.
NURI, abrindo un chisquiño.
Son, si, os da casa, que puxeron unha luz preto da porta para te veren se foxes.
MARTA
Non me podo ir, non!
NURI, cavilando.
Agarda, agarda!
MARTA
Que foi, Nuri?
NURI, moi alegre.
Que me abraces, ven! Que xa non quero ser o señor crego e que mo agradezas porque agora mesmo
vas saír de aquí dentro!
MARTA
Eu, Nuri?
NURI, rindo.
Mirádea, mirádea que contenta! (Burlándose.) Eu, Nuri? Miña lerchiña e miña parrula!
MARTA
Non, se non pode ser! Se xa sei que non pode ser!
NURI
Non grites, cala. Non escoitaches o que che acabo de dicir? Vaste ir axiña. E fareino eu, eu, eu soa!
Ei, has de dicirlle ao Manelic que o argallei eu? E mira, dálle recordos da miña parte, oes? E dille
que cando poida que me envíe recordos. E, ai, que estou tan contenta!
MARTA
Mais como, como, Nuri? Explícate, anda!
NURI
A ver, e de présa, de présa. Eu agora saio e ti volves pechar deseguida! Eu métome no círculo que
fan meus irmáns e os outros, e póñome a brincar con eles e a noite é moi escura. (Nuri ri.) E ti xa
terás apagada esta luz. Enténdesme, enténdesme agora?
MARTA
Non, non, fala, fala.
NURI
Ai, ben burriña é este rapaza! Pois como a noite é escura, eu, brincando con eles, dun golpe
apagarei a luz. E mentres eles queren volver acendela, eu fágome a tola, enrédoo todo unha miga
máis, entón ti abres a porta e foxes.
MARTA
Ai, si, Nuri, si. Axiña, axiña!
NURI
Pois ea, vou agora.
MARTA, angustiada.
Agarda, agarda. E como sei cando teño que fuxir?
NURI
Ai, caramba... Que atranco xurdiu agora! (Cavilando.) Pois saberalo... saberalo... saberalo... xa o
teño. Saberalo porque ceibarei unha grandísima gargallada, ben forte, ben forte!
MARTA
Ai, grazas a Deus! Si, bule, Nuri.
NURI
Antes un chucho.
MARTA
Non un chucho, mil. Toma, toma e que Deus cho pague.
NURI
E agora até... como direi eu?... Pois até a gargallada.
MARTA
Si, sae, de présa.
(Nuri abre a porta e desaparece, volve despois sacar a cabeza.)
NURI
E escoita, non te descoides e dálle recordos da miña parte, oíches?
MARTA
Heillos dar. (Nuri desaparece.) Que boíña é, meu Deus, que boíña!
ESCENA VIII
MARTA
E agora a agardar! A agardar! (Amarra un pano á cabeza) Se parece que hai un ano que agardo! Ai,
Manelic! Ah! A luz, xa nin me lembraba. Así non me han de ver cando abra a porta. (Apagou a luz,
permanecendo a escena iluminada pola lareira.) E se me fose pola de alá dentro?... (Pola porta da
cortina.) Non, non, que tamén vixían, e se me topo co Sebastià que vén, ai, Virxe Santísima!
(Aproximándose á porta que dá ao alpendre.) Por esta! Por esta! Ai, meu Deus, afogo!... Aire, aire!
(Senta e érguese de novo volvendo á porta.) Non tan lonxe, escoitando, escoitando. Falan, si. Mais a
ela non a sinto. Agora, agora... Non é a Nuri, non! Agora conversan!... E non ri ninguén. Por que
non rin? Ride! Ride! E se lle impedisen apagar a luz? Non, non, que Deus a axude! (Séntese unha
gargallada de Nuri.) Agora. Por fin! Grazas a Deus! Fuxo, fuxo!
(Abre a porta e vai saír.)
ESCENA IX
MARTA, SEBASTIÀ.
MARTA, topándose con Sebastià.
Ah!
SEBASTIÀ
Quen está aquí? (Entrando e encostando a porta.)
MARTA, aparte.
Ah! O Sebastià! (Correndo a primeiro termo.)
SEBASTIÀ
Quen era quen saía? Ti! A onde ías agora?
MARTA, aparte.
Virxe Santísima, acúdeme!
SEBASTIÀ
Pregúntoche a onde ías a estas horas! Ordénoche que me respondas, a onde ías!
(Agarrándoa por un brazo.)
MARTA
Déixame! Dígoche que me deixes!
SEBASTIÀ
Se estás morta de medo! Tremes de arriba a baixo! (Deixándoa ir con desprezo.) Non ves, non ves
que me dás pena!
MARTA, aparte.
Ah, se puidese morrer agora!
SEBASTIÀ
E mira, tira o pano da cabeza, tírao, que te está a delatar. (Ela tírao de présa, el bota a rir.) Non ves,
muller, non ves como te ías?
MARTA, decidida.
Pois si, si que me ía e voume de aquí, que ninguén ten dereito a pararme!
SEBASTIÀ
Así me gusta, así. Que ouses dicirmo á cara.
MARTA
Sebastià, eu suplícocho, déixame saír desta casa!
SEBASTIÀ
Se a sinto e non me parece ela mesma! (Rindo sarcástico.) Que a deixe saír!
MARTA
Oh, non rías, non rías! Sebastià, por Deus, non rías!
SEBASTIÀ
Que non ría? Logo que queres que faga? Queres que te esnaquice e te esmague cos pés aquí
mesmo? (Rindo) Non, non, se máis vale que ría!
MARTA
Pois vaite, vaite ti e déixame, e préndelle lume ao muíño, se queres, e mátame dentro.
SEBASTIÀ
Que eu che deixe saír ou que me vaia ou que te mate!... Por quen me tomas? Que eu che deixe saír?
(Correndo á porta.) Mira, eu déixote saír! Vamos, vamos, sae agora. (Pechando a porta.)
MARTA
Non, non, iso non! Abre, por Deus, abre!
SEBASTIÀ
Non, aquí pechados ti mais eu, os dous sós! Aquí acabou o mundo para nós. E todo o do mundo:
terra e ceo e todo. Todo fica aquí dentro!
MARTA, retrocedendo.
Ai, meu Deus!
SEBASTIÀ
Ti quéresme a min. A min só porque o sacrifiquei todo por ti, porque sufrín como un condenado
levándote a este home, porque te preciso para respirar e para vivir, que sen ti non podo vivir nin
respirar!... E mira, o que eu non aturo, porque me desespera, é que me digas que o amas a el!
(Desesperado.) Iso non, iso non!
MARTA
Que non che diga que o amo? Que iso te alporiza e desespera? Ai, grazas a Deus que me deches
unha alegría neste mundo! Ámoo, si, ámoo. Ámoo con toda a miña vida e con todo o meu sangue e
con toda a miña alma, ámoo!
SEBASTIÀ
Cala, cala!
MARTA
Aínda que me esganases, diríache o que che estou a dicir. É o único que podo dicir neste mundo sen
que me dea vergoña!
SEBASTIÀ
Dígoche que cales!
MARTA
Eu teño que me defender, eu por el! Por el e tan só por el! A Marta... a Marta non é nada, mais a
muller do Manelic éo todo, porque é a súa muller!
SEBASTIÀ, desesperado.
Ti queres perderme e estache a saír ben. Nada me importa, que rebente todo, por min que todo
acabe! E dito está, que ti vas vir comigo a miña casa e se me perdo eu, perdémonos xuntos, que
fuches miña e es miña e serás miña!
MARTA
Vaite!... Antes que se abra a terra e me trague!
SEBASTIÀ
Que se abra, si, mais para os dous e condenémonos xuntos!
MARTA
Déixame! Cala!... Manelic!
SEBASTIÀ
Oh, non o nomees!
MARTA
Manelic!
SEBASTIÀ
Tu véste comigo agora!
MARTA
Vasme levar en pedazos, viva non, nin arrastrándome!
SEBASTIÀ
Viva ou morta! Tanto me ten! (Agarrándoa.)
MARTA
Non, aparta! Que non!
SEBASTIÀ, rindo de maneira bestial.
Aínda te amo máis así! Canto máis furiosa máis te amo!
MARTA
Déixame! Déixame!
(Desprendéndose del e correndo ao medio.)
SEBASTIÀ
Mira, viro tolo e por todos os lados vexo sangue!...
MARTA
Se te achegas, xa que non podo matarte, rabúñoche a cara e cúspoche! Comigo ousas, covarde, co
Manelic non!
SEBASTIÀ
Con el e contigo e con todo o mundo por ti!
(Indo onda ela.)
MARTA
Non te achegues! Non! Manelic!
SEBASTIÀ, correndo a agarrala.
Agora vas ver!
ESCENA X
MARTA, SEBASTIÀ e MANELIC, pola porta do cuarto de Marta.
MANELIC, interpóndose.
Que agora vai ver, dixeches? Agora ímolo ver nós!
MARTA, abrazándose.
Manelic!
MANELIC
Marta!
SEBASTIÀ, que recuou.
Ti aquí? Por onde entraches?
MANELIC
Por onde entrabas ti! Pola porta de amo e de ladrón! Que pensabas? Espieite e seguinte.
Arrastrándome cheguei ao muro e gabeino cos dedos e coas uñas!... E xa estou aquí! Xa estamos
sós! Xa estamos cara a cara!
SEBASTIÀ
Lisca de aquí ou se non!...
MANELIC, rindo.
Que lisque! Pensa que aínda manda en min, eu que aturei con todo! Iso pensa, iso, Marta! Pois non,
aquí dentro todo mudou, agora quen manda son eu. E agora vas ver se son o amo!
SEBASTIÀ
O amo ti? Amodo, rapaz!
(Tentando ir a abrir a porta.)
MARTA, decatándose.
Manelic!
MANELIC, correndo á porta.
Non vas escapar! Covarde! Díxenche sós ti mais eu! Veño por ela, que é miña. E veño por ti, que
veño a matarte!
SEBASTIÀ
A min!... Ti a min?
MANELIC
A ti! A ti!
SEBASTIÀ
Tamén eu sei matar homes!
MANELIC
E eu lobos! Aquí tes a Marta! Non a querías? Aquí a tes! Lévaa quen poida, que ela se gaña con
sangue! (Sacando unha faca.)
SEBASTIÀ
Ah, covarde, que vés armado!
MANELIC
Do corazón máis... máis ca ti, do brazo non, nin preciso, que a arma me sobra. (Guíndaa á terra.)
Toma, mira.
MARTA, correndo a Manelic.
Que fas!
MANELIC, apartándoa.
Aparta! Agora xa estamos iguais. Que esperas?
SEBASTIÀ
Estás perdido, voute matar!...
(Correndo para coller a faca que está en terra.)
MARTA
Ah!
MANELIC, pousando o pé encima.
Non, iso non! Ea, corre, agárraa agora!
SEBASTIÀ, recuando.
Condenado!
MANELIC
Non chegaches a tempo! (Ri salvaxe.) Agora todo acabou para ti! (Tirándose sobre Sebastià.) Agora
morre!
MARTA
Oh, meu Deus!
SEBASTIÀ
Eu! Voute matar!
MANELIC, téndoo agarrado polo pescozo.
Deféndete se podes, covarde! Deféndete!
SEBASTIÀ
Acudídeme!
MANELIC
Chama polos teus cans de presa! Chama por eles!
SEBASTIÀ
Afogo!
MARTA, caendo axeonllada.
Virxe santísima!
MANELIC
Nin podes defenderte! Nin sabes! Nin te valería! Que máis dá? Toma, morre, e morre de cara a ela!
(Guindándoo de cara a Marta.)
MARTA, erguéndose espantada.
Ah! Xesús!
MANELIC
Aquí tes... o amo! (Pausa. Corre despois a abrir a porta.) Todos aquí! Vinde! Todos aquí!
ESCENA XI
MANELIC, SEBASTIÀ, MARTA, PEPA, ANTÒNIA, JOSEP, NANDO, PERRUCA e outros. Marta
está medio desmaiada, sosténdose na mesa para non caer.
NANDO, en voz baixa.
Que foi?
MANELIC
O amo chamaba por vós.
JOSEP, en voz baixa.
Morto!
PEPA, íd.
Xesús!
(Exclamación de todo o mundo ao ver o cadáver.)
MANELIC
E agora ride a esgalla! Ride! E ti, Marta, ven!
MARTA
Vámonos, vámonos!...
MANELIC, levándoa en brazos.
Lonxe da terra baixa! (Para lles abriren paso.) Fóra todos! Arredádevos! Matei o lobo! Matei o
lobo! Matei o lobo!
(Vaino repetindo a gritos mentres se afasta.)
PANO